Estás en:Novas

Mario G. Cortizo presenta no Festival RESIS “Só un solo”, a proposta coa que participou nas Residencias Mariñán

Será o 21 de abril, ás 20 horas, na Sala Municipal de Exposicións Palexco

As entradas, de balde, poderán retirarse no quiosco da Praza de Ourense e en ataquilla.com

Mario G. Cortizo presenta no Festival RESIS “Só un solo”, a proposta  coa que participou nas Residencias Mariñán

Un dos proxectos seleccionados nas Residencias Artísticas Mariñán 2022, da área de Cultura da Deputación, poderá verse no Festival RESIS de música contemporánea e artes vivas, que se vai celebrar do 13 de abril ao 6 de maio na Coruña, tamén co patrocinio da institución provincial. Trátase de "Só un solo", unha proposta para percusión e electrónicas creada e interpretada por Mario G. Cortizo (Lalín, 1986), con dirección escénica do barcelonés Marc Rosich e da coruñesa Ana Inés Jabares. A cita programouse para o 21 de este mes, ás 20 horas, na Sala Municipal de Exposicións Palexco, e as entradas, de balde, estarán dispoñibles no quiosco da Praza de Ourense e en ataquilla.com.

"Só un solo", explica Cortizo, "é unha proposta escénica cun percusionista como único intérprete ou 'performer', e toda a música, de creación propia, busca a singularidade que este feito nos proporciona". O espectáculo consta de tres pezas musicais, cunha duración aproximada de entre 10 e 15 minutos cada unha. "A primeira", engade o creador lalinense, "está escrita para un dispositivo electrónico que controla pequenos electrodomésticos sonoros, o que nos permite estruturar os materiais musicalmente. A segunda está escrita para un dispositivo autómata, programado previamente para producir os materiais musicais coma unha base mecánica. Hai unha parte solista para tocar por riba desta base cun baixo e uns tubos afinados. E xa a terceira, conectada coa música de raíz, é un solo para pandeireta e electrónica. Todo o espectáculo está feito con instrumentos de nova creación deseñados por min, agás a pandeireta".

En 2022, o departamento de Cultura da Deputación da Coruña reforzou as súas liñas de axuda a creadoras e creadores a través da posta en marcha das Residencias Artísticas Mariñán, un novo programa centrado non nas pezas ou nos resultados finais, senón no apoio aos procesos creativos. Nesa primeira edición premiou oito proxectos do ámbito da literatura e o pensamento, mais outros catro do eido da música, os que presentaron Caamaño & Ameixeiras, Berto, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal. O xurado que os seleccionou formárono Patricia Hermida, experta en 'management' musical, avogada e presidenta da AGEM; Marta Gómez, xornalista e divulgadora musical, e Marc Lluis Lloret, músico e director artístico do Mercat de Música Viva de Vic.

Equipo "Só un solo"

  • Concepto, composición e interpretación: Mario G. Cortizo.
  • Dramaturxia e dirección: Marc Rosich.
  • Escenografía e dirección: Ana Inés Jabares.
  • Asesoría de movemento e mirada externa: Andrea Jiménez.
  • Son e luces: Nacho López.
  • Lutier: B-sharp Percussion.
  • Asistenta de escenografía: Alicia Núñez.
  • Fotografía: Aigi Boga.
  • Vídeo: Olaia Tubío.
  • Gaitas pregravadas: Bieito Romero.
  • Gravación de gaitas: Max Ferreiro.
  • Corrección textos galego: María Rosario Soto.