Estás en:Novas

Santiago acolle este domingo a carreira “Os 10.000 peregrinos da Deputación da Coruña” coa presencia de grandes referentes do atletismo a nivel internacional

O acto de presentación tivo lugar esta mañá na Praza do Obradoiro, no que participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, a concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín e o padriño da carreira, Juan Carlos Higuero

Formoso detaca "a aposta da Deputación e do Concello de Santiago por esta proba de atletismo en ruta, que vai contar con miles de participantes"

Participan grandes atletas españois de carácter internacional como Adrián Ben, Tariku Novales, Daniel Arce, Fernando Carro, Irene Sánchez-Escribano, Crisina Ruíz e Esther Navarrete

Santiago acolle este domingo a carreira “Os 10.000 peregrinos da Deputación da Coruña” coa presencia de grandes referentes do atletismo a nivel internacional

A Deputación da Coruña presentou no día de hoxe a proba "Os 10.000 peregrinos da Deputación da Coruña", que organiza xunto co Concello de Santiago de Santiago de Compostela.

O acto tivo lugar esta mañá na Praza do Obradoiro, no que participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, a concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín e o padriño da carreira, Juan Carlos Higuero.

O evento deportivo, que terá lugar o domingo, constará de varias probas; unha carreira 10 e 5 quilómetros, homologadas pola Real Federación Española de Atletismo; unha de dous quilómetros en ruta; e unha andaina de cinco quilómetros en ruta.

A distancia estrela será a carreira de 10 quilómetros, que contará coa participación de grandes atletas españois de carácter internacional como Adrián Ben, Tariku Novales, Daniel Arce, Fernando Carrol, Irene Sánchez-Escribano, Cristina Ruíz e Esther Navarrete.

Formoso destaca a "forte aposta tanto da Deputación da Coruña como do Concello de Santiago por esta proba de atletismo en ruta, consensuada coas federacións, tanto galega como nacional, e que vai a contar con miles de participantes e todos os servizos para atender os deportistas".

O presidente provincial fixo fincapé na presenza de "atletas de renome no ámbito do atletismo como Adrián Ben, Irene Sánchez-Escribano, Esther Navarrete, Daniel Arce ou Fernando Carro, que son referencias no ámbito das carreiras en ruta e que servirán de exemplo para todas as persoas maiores de 12 ano que este domingo van desfrutar do percorrido por Santiago".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quixo agradecer "á Deputación da Coruña, á Federación Galega de Atletismo e a todos os que fan posible esta proba o seu labor para sacar este evento adiante, que serve para fomentar o deporte en Santiago de Compostela ao mesmo tempo que se fai unha homenaxe aos peregrinos".

O rexedor quixo destacar o amplo rango de idades que participará este domingo na carreira, "xa que poden participar persoas desde os 12 anos ata xente nada antes do ano 62, fomentando a participación de todos os públicos".

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, celebra "o gran éxito de participación desta proba, que agardamos que este domingo poidan gozar da carreira".

Para o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, "é un pracer ver como a través de sinerxias entre as diferentes administracións conséguense celebrar esta clase de eventos, que redundan no beneficio de todos os afeccionados do deporte".

En palabras de Juan Carlos Higuero, "é un verdadeiro luxo poder ser o padriño dunha proba coma esta, que se atopa nun marco incomparable, e cunha meta cun significado tan especial como a Catedral de Santiago, un dos monumentos máis representativos a nivel mundial, e por onde cada día pasan miles de peregrinos".

"A nivel competitivo, que tres atletas olímpicos participen na carreira do vindeiro domingo xa o di todo sobre a súa imporancia, que agardamos que sexa un evento duradeiro e que alcance un gran éxito no futuro" engadiu o corredor.

"Quero darlle as grazas á Deputación da Coruña polo seu esforzo para realizar este evento e tantos outros na zona, coa que colaboraremos proximamente para asinar un convenio de circuíto de carreiras Deputación da Coruña na provincia con máis de 35 probas" engadiu Sanmartín.

O obxectivo desta carreira é impulsar este deporte na provincia, creando unha proba de referencia no atletismo provincial e autonómico, dándolle a oportunidade a toda a poboación, independentemente da súa idade, de participar nunha proba única na provincia da Coruña, cun percorrido único.

A saída para cada unha das distancias será desde a rúa San Francisco e a meta estará situada na Praza do Obradoiro.