Estás en:Novas

A Deputación aproba as obras de mellora da seguridade viaria nun tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Abegondo

As obras consistirán na construción dunha senda peonil pola que discorren os peregrinos ao seu paso polos núcleos rurais do Barral de Arriba e Cos ata o Fontao e Meangos

A Deputación investirá 70.000 euros na actuación, o 70% da actuación, que ten un custe total de 100.753 euros

A Deputación aproba as obras de mellora da seguridade viaria nun tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Abegondo

O pleno da Deputación aprobou hoxe por unanimidade o convenio co Concello de Abegondo que permitirá acometer as obras de mellora da seguridade viaria na DP-0105 desde os núcleos rurais do Barral de Arriba e Cos ata o Fontao e Meangos.

A Deputación investirá 70.000 euros, o 70% da actuación, que ten un custe total de 100.753 euros. As obras tentan mellorar a seguridade dos peóns, maioritariamente peregrinos que fan o Camiño de Santiago, entre a conexión Cortiñán e Vilacoba e que atravesa a beirarrúa desta estrada. Na actualidade existe un risco potencial para os camiñantes polo escaso ancho da beiravía, duns 50 cm polo que os peóns circulan polo carril dos vehículos co conseguinte perigo que isto supón.

Para evitar este risco a Deputación e o Concello de Abegondo executarán a construción dunha senda peonil, de case dous metros de ancho, entre estes núcleos rurais o que dotará dunha maior seguridade a estrada DP-0105. Canto o resto da actuación prevese a dotación de novos sumidoiros de pluviais cos seus pozos de rexistro e tubaxe co fin de evitar as inundacións da calzada na época de choivas.

A nova senda permitirá circular os peregrinos e veciños da zona con maior seguridade sen que teñan que invadir a calzada da estrada provincial. Esta actuación súmase a outras novas sendas, decenas de quilómetros realizados nos últimos exercicios, que tentan garantir a seguridade dos peóns pola rede de estradas provinciais.

Segundo o convenio, a duración estimada das obras será de tres meses desde a aprobación da acta do replanteo.