Estás en:Novas

O pleno aproba o convenio polo que a UDC cede á Deputación os terreos para a construción do maior estudo audiovisual virtual de España na Cidade das TIC

Situarase na Cidade das TIC, nun edificio de nova construción, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros acollerán un plató de características únicas en España

O pleno aproba o convenio polo que a UDC cede á Deputación os terreos para a construción do maior estudo audiovisual virtual de España na Cidade das TIC

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o convenio polo que a Universidade da Coruña (UDC) cederá á institución provincial a parcela Z-2.2 da Cidade das TIC, cunha superficie de 5.184 metros cadrados, para albergar o centro do Ecosistema Dixital do Sector Audiovisual de Galicia (EDAGA), que será o maior estudo audiovisual virtual de España. A cesión, por un prazo de vinte e cinco anos, conta tamén coa autorización do Ministerio de Defensa.

A aprobación deste convenio supón un novo avance administrativo de cara á construción deste centro audiovisual de referencia, que suporá un investimento de 8 millóns de euros e está cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e fondos propios da Deputación da Coruña.

A Deputación xa licitou a redacción e codirección do proxecto básico e de execución do novo edificio que acollerá o estudo audiovisual virtual e espera adxudicala a vindeira semana. O orzamento de licitación foi de 120.600 euros.

Ecosistema Dixital do Sector Audiovisual de Galicia (EDAGA) situarase nun edificio de nova construción, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros van estar dedicados a albergar un plató de características únicas en España, con capacidade para recrear calquera escenario real ou de ficción. Nesta localización vaise instalar unha macropantalla LED con tecnoloxía de vangarda que permitirá realizar esa función, e o resto vai estar asignado a funcións auxiliares deste plató principal, un espazo de case 200 metros cadrados para o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e perruquería, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.

O centro contará cun arco LED de alta resolución, con 20 metros de lonxitude e cunha altura de oito metros e un teito de aproximadamente 30 metros cadrados.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lembra que este proxecto suporá "a construción do maior estudo audiovisual virtual de España" e destaca que coa elección da Cidade das TIC como emprazamento "pretendemos crear sinerxias co sector tecnolóxico das entidades e empresas que aquí se instalen"

O estudo virtual permitirá crear contidos inmersivos para produccións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.

O proxecto suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan "España, Hub audiovisual de Europa", dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025, que vai destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.