Estás en:Novas

A Deputación colabora co Consello da Cultura Galega para a edición de 40 biografías de mulleres do 'Álbum de Galicia'

Trátase dun proxecto editorial que permitirá dispoñer nun mesmo volume de parte do traballo de recompilación que ten realizado o Consello da Cultura Galega sobre figuras femininas destacadas na historia galega

A colaboración realízase desde a área provincial de Igualdade co obxecto de contribuír á difusión, posta en valor e visibilización da muller galega en todos os ámbitos

A Deputación colabora co Consello da Cultura Galega para a edición de 40 biografías de mulleres do 'Álbum de Galicia'

A deputada provincial de Igualdade, María Muíño, e a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, veñen de formalizar o acordo que posibilita a edición dun volume que recollerá a biografía de 40 mulleres do 'Álbum de Galicia'. Na sinatura deste acordo tamén estivo presente a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, Carme Adán. Trátase da primeira colaboración formal entre ambas institucións e promove a realización de actividades de carácter cultural, especialmente seminarios, exposicións e encontros, que permitan analizar o papel das mulleres na historia e na cultura galega. Ademais, o protocolo permite o desenvolvemento doutras accións.

O libro, que se editará a través dos servizos da imprenta provincial, leva por título "Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum" e verá a luz nos vindeiros meses. "Esta colaboración enmárcase na filosofía do departamento de Igualdade de impulsar de xeito activo todas aquelas accións que permitan avanzar na posta no coñecemento, recuperación e recoñecemento do papel das mulleres e a súa incidencia na sociedade do seu tempo" asegura María Muíño.

"Este tipo de acordos contribúen a amplificar a acción que o Consello da Cultura Galega desenvolve en ámbitos tan necesarios como o da igualdade" declarou Rosario Álvarez, que fixo especial fincapé na primeira acción deste acordo, "un volume que escolma mulleres pioneiras en ámbitos moi diversos, cun lugar destacado para aquelas que romperon teitos de cristal en sectores tradicionalmente masculinizados".

"Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum" propón un itinerario histórico desde o medievo ata a actualidade, escrito en feminino por autoras contemporáneas de diversas disciplinas. Como mostra sinalar que o volume comeza coas biografías de Rosa María de Castro y Centurión, aristócrata da Casa de Lemos, escrita por Lucía Montenegro, e de Constanza de Castro escrita por Marica Campo, e remata coa biografía de Rosalía Mera escrita por Marilar Alexandre.