Estás en:Novas

Formoso visita Lugo para coñecer o seu modelo de edificacións sostibles

Formoso visita Lugo para coñecer o seu modelo de edificacións sostibles

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a cidade de Lugo para interesarse polo seu modelo de edificacións sostibles construídas con materiais autóctonos nos que a madeira é protagonista.

Acompañado da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e do delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, Formoso visitou o centro de servizos sociais do Castiñeiro-Lamas de Prado.
"Hai uns meses tiven a sorte de coñecer o Impulsa Verde e hoxe este centro social. Lugo é xa unha referencia nesa idea da Unión Europea de implementar a madeira como elemento construtivo e na provincia da Coruña queremos tamén fomentar o seu uso nas novas edificacións, como no programa piloto de residencias públicas que imos desenvolver desde a Deputación", afirmou o presidente.

A alcaldesa de Lugo explicou que na construción deste centro aplicáronse criterios medioambientais e de sustentabilidade, empregando a madeira como principal elemento estrutural, en substitución doutros como o aceiro e formigón. O centro conta con paneis solares fotovoltaicos e seu consumo enerxético é case cero.