A Deputación investirá 262.000 euros en mellorar a seguridade viaria en dúas estradas do Concello de Vedra
As actuacións levaranse a cabo na DP-8203 no tramo que vai de Vedra á ponte de Santa Lucía en San Xián de Sales e na DP-1202 desde Trobe a Mesón do Mareque
Na zona de San Xián de Sales engadirase un tramo na marxe esquerda e de aparcamento en liña para garantir a seguridade dos peóns
A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno celebrado este venres, 28 de abril, o proxecto de mellora da seguridade viaria na DP-8203 que vai de Vedra á ponte de Santa Lucía en San Xián de Sales e na DP-1202 no tramo que vai de Trobe a Mesón do Mareque, que conta cun orzamento de 262.499 euros.
Na estrada que vai de Vedra a Ponte de Santa Lucía en San Xián de Sales a actuación levarase a cabo entre os PQ 6+100 e o PQ 6+680, mentres que no vial que vai de Trobe a Mesón do Mareque executarase entre os PQ 1+000 e o PQ 1+900.
O proxecto contempla a mellora da seguridade viaria nas vías mencionadas, para o que será necesario aumentar a sinalización tanto vertical como horizontal, incluíndo bandas transversais de alerta, sinais de perigo peonís e de velocidade máxima de circulación. Na zona de San Xián de Sales engadirase un tramo na marxe esquerda da estrada de senda peonil e de aparcamento en liña de forma que se garanta a seguridade dos peóns ao circular por ditos tramos.
A senda peonil construirase a nivel, cunha separación do aparcamento mediante delimitadores de caucho reciclado. Debido a que o noiro resultante do movemento de terras é maior que o espazo dispoñible expropiado, pensarase a execución dun muro de dique.