A Deputación aproba un investimento de 800.000 euros para mellorar a seguridade vial na estrada de Neaño ao Allo, en Cabana de Bergantiños
O tramo da actuación relizarase entre o PQ 0+680 e o PQ 1+900
As obras a realizar consisten na execución dunha senda de dous metros de ancho e na ampliación da plataforma ata conseguir dous carrís de 3,5 metros de ancho
A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno celebrado este venres, 28 de abril, a actuación de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-1406, no tramo que vai de Neaño ao Allo, pasando por Cesullas, no Concello de Cabana de Bergantiños.
A actuación, que se realizará entre os PQ 0+680 e o PQ 1+900, conta cun orzamento de 802.384 euros.
As obras a realizar consisten na execución dunha senda de dous metros de ancho, pola marxe dereita da estrada entre o PQ 0+680 e o PQ 1+900, e na ampliación da plataforma ata conseguir dous carrís de 3,5 metros e beiravías de 0,5 metros, salvo na zona na que se executan os muros, na cal a beiravía da marxe esquerda terá un ancho de 1 metro.
Para levar a cabo esta actuación vanse levar a cabo os movementos de terras previos, colocarase unha capa de xabre e regularase o firme, colocarase un muro de dique renovaranse as infraestruturas para a drenaxe de auga.
Por último colocarase unha nova sinalización vertical, horizontal e incluirase un balizamento ao largo do percorrido, xunto cunha separación do carril a través dunha banda lonxitudinal con ollos de gato.