A Deputación aproba a remodelación do acceso á praia de Santa Cristina en Oleiros por un importe de case 1,8 millóns de euros
O plan conservará as prazas de aparcamento debido á forte demanda de estacionamento cun novo deseño máis accesible e estético mantendo as árbores existentes
O obxectivo da remodelación é reordenar e humanizar o bulevar cunha delimitación clara da circulación do tráfico rodado priorizando a mobilidade peonil
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o proxecto de remodelación do acceso á praia de Santa Cristina, en Oleiros, na DP-5804, cun orzamento total de 1.773.765 euros.
As obras permitirán potenciar e dinamizar esta estrada provincial, que na actualidade presenta unha serie de deficiencias e carencias que padecen os usuarios. O obxectivo da remodelación é reordenar e humanizar o bulevar cunha delimitación clara da circulación do tráfico rodado, priorizando a mobilidade peonil. Deste xeito, ampliaranse as beirarrúas poñendo ao peón como protagonista cunha maior extensión dedicada á actividade social. O proxecto contempla a disposición de zonas de estancia e puntos de encontro, zonas axardinadas, a colocación de mobiliario urbano e actuacións que propicien unha redución da velocidade de circulación na travesía.
O plan conservará as prazas de aparcamento debido á forte demanda de estacionamento, cun novo deseño máis accesible e estético e mantendo as árbores existentes. Esta vexetación terá un maior protagonismo tras a remodelación do acceso á praia.
Deste xeito, os cambios na xeometría actual da rúa contemplan unha pequena redución no ancho da mediana, para recuperar o devandito espazo nas beirarrúas laterais e a xeración de orellas e sobreanchos na beirarrúa nos accesos a garaxes e interseccións.
A diminución do ancho da mediana central dotará dunha maior sección transversal a beirarrúa da marxe esquerda. Tamén se procederá á renovación do alumeado público, formulando a disposición de novos báculos de iluminación nas marxes en lugar de dispoñelos na mediana. Por outra banda, renovarase a rede de drenaxe existente e soterraranse as liñas eléctricas situadas na marxe esquerda. O proxecto prevé a necesidade de renovar os actuais contedores de residuos subterráneos.
Na parte final da rúa, aproveitarase o tramo do carril esquerdo en desuso para xerar unha zona de estancia ampliando a beirarrúa da marxe esquerda, ademais de elevar a cota da calzada xerando un tramo de plataforma compartida na chegada á contorna do paseo marítimo.