Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Ferrol asinan os convenios para financiar o Centro de día de menores e a Casa de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero

Formoso e Mato visitaron o Centro de día menores, que proporciona atención integral a 75 nenas e nenos de entre catro meses e doce anos

A Deputación e o Concello de Ferrol asinan os convenios para financiar o Centro de día de menores e a Casa de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asinaron hoxe dous convenios para financiar o Centro de día de menores e a casa de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero. Ao acto, que tivo lugar no centro de menores da Deputación en Ferrol, asistiron tamén a deputada provincial a concelleira de Benestar Social da cidade, Ana Lamas e Eva Martínez Montero.

O convenio do centro de día de menores de Ferrol, dependente da Deputación, regula a atención integral que se presta a 75 nenos e nenas (70 prazas para Ferrol e 5 para Narón) de entre catro meses e 12 anos de idade en situacións especialmente vulnerables que contan co apoio e seguimento por un cadro de persoal de trinta profesionais do eido social e educativo.

Ademais da manutención e a intervención socioeducativa cos menores e as súas familias, o centro volve contar con servizo de transporte financiado pola Deputación da Coruña para os desprazamentos dos menores aos centros escolares.

Formoso e Mato asinaron tamén o convenio para financiar o mantemento da Casa de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero ata o ano 2026, de acordo ao Protocolo de acceso á Rede Galega de acollemento para mulleres que sofren violencia de xénero da Xunta Galicia e ao Programa de apoio á rede de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero da Deputación da Coruña.

O custo previsto para o financiamento de dita actividade ascende a 399.719 euros anuais, dos que a Deputación achega cada ano 100.891 euros, o que supón máis do 25% do total.

Esta colaboración ten como obxectivo garantir o mantemento da Casa de Acollida de Ferrol, cubrindo tanto os gastos de persoal como os gastos correntes da institución. Ademais do centro ferrolán, a Deputación financia outras casas de acollida na Coruña e Culleredo.

No caso de Ferrol, o centro cumpre unha función moi importante ofrecendo un recurso de acollida e de atención especializada no ámbito da violencia de xénero. Tamén se ocupa de proporcionar un espazo ás mulleres en situación de violencia e aqueles menores que se atopan ao seu cargo; facilitar apoios, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica; promover a análise e reflexión que faciliten os procesos de reparación do dano vivido; acompañas ás mulleres no seu proceso de construción do novo proxecto de vida independente; apoiar no proceso de apoderamento e inserción comunitaria; facilitar a cobertura de necesidades básicas nos casos que sexa preciso e traballar en rede cos recursos de atención primaria e específicos que sexan de utilidade para cada situación.

Ángel Mato agradeceu o compromiso da Deputación con Ferrol no ámbito social: "Son dous convenios moi importantes. Este centro ofrece unhas condicións óptimas para moitos nenos e nenas e con moitas dificultades e no caso da casa de acollida é un espazo de seguridade e dignidade para moitas mulleres vítimas da violencia machista"

Formoso destacou que a cobertura social "é unha prioridade" para o goberno da Deputación, máis no caso de dous colectivos tan sensibles como os menores e as mulleres que sofren a violencia machista.