O cociñeiro Miguel Giaquinto de Carballo abre o programa de showcookings da Deputación na Feria de Bilbao
A área de Turismo volve á cita anual da feira de tendencias turísticas "Expovacaciones", cun stand propio no que, ademais de dar a coñecer os recursos turísticos dos oito xeodestinos, tamén acolle un programa de showcookings para promocionar a calidade e a singularidade da gastronomía da provincia
O cociñeiro Miguel Giaquinto, da trattoria-pizzería Vesubio de Carballo, foi o encargado esta mañá de abrir o programa de showcookings cos que a Deputación da Coruña está a promocionar a gastronomía da provincia na Feira "Expovacaciones". Un ano máis, a área de Turismo, acode a esta cita internacional que se celebra en Bilbao para dar a coñecer destinos e recursos turísticos ante público especializado.
A Deputación da Coruña, como vén facendo nos últimos certames nos que participa, conta cun stand propio no que ofrece información xenérica dos oito xeodestinos da Coruña e promove in situ a gastronomía propia a través de showcookings, como un factor de singularidade e identidade cultural con capacidade para atraer un tipo de turista de calidade e concienciado cos territorios que escolle visitar.
A feira que comeza hoxe, ten ao cociñeiro carballés, Miguel Giaquinto, como embaixador de produtos da Costa da Morte. "Trátase dunha fusión moi interesante" asegura Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo, "que combina unha cociña de concepto italiano co produto de proximidade, e que encaixa perfectamente na filosofía da promoción da campaña 'A provincia que sabe' baseada, precisamente, en parámetros de sustentabilidade e compromiso co territorio". Miguel Giaquinto elaborou para o público de Expovacaciones unha receira de rissotto en dous tempos con boletus da comarca de Bergantiños e un prato de pasta della Galizia con grelos e polbo.
Na xornada de mañá, será o cociñeiro Antonio Amenedo, do Pazo Santa Cruz de Mondoi, de Oza-Cesuras, o encargado de dar a coñecer a gastronomía da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e o domingo, o protagonismo será para o cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, en Boiro, que dará a coñecer os produtos da comarca de Barbanza-Arousa. Cada cociñeiro realiza dúas sesións de cociña en directo, unha ao mediodía e outra pola tarde, nas que ademais de promocionar a gastronomía, tamén dan a coñecer outros recursos das súas respectivas comarcas.