O cociñeiro Antonio Amenedo, do Pazo de Santa Cruz de Mondoi, protagoniza o showcooking da Deputación na segunda xornada da Feria de Bilbao
A área de Turismo está participando na cita anual da feira de tendencias turísticas "Expovacaciones" cun programa de showcookings para promocionar a calidade e a singularidade da gastronomía da provincia
Ademais das demostracións de cociña en directo, o stand da Deputación tamén ofrece información sobre recursos turísticos dos oito xeodestinos da provincia
O cociñeiro Antonio Amenedo, do Pazo Santa Cruz de Mondoi en Oza-Cesuras, é o protagonista dos dous showcookings da xornada deste sábado no stand co que a Deputación da Coruña está participando na Feira de tendencias turísticas "Expovacaciones". Nesta cita internacional, que está tendo lugar durante esta fin de semana en Bilbao, a área de Turismo da Deputación volve participar cun espazo no que ofrece información xenérica dos oito xeodestinos da Coruña e promove in situ a gastronomía propia a través de showcookings.
Nesta segunda xornada, as demostracións de cociña en directo correron a cargo do cociñeiro Antonio Amenedo, quen foi encargado de poñer en valor a gastronomía e o produto culinario da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Para isto, elaborou dúas receitas: a primeira consistiu nun 'cocido contemporáneo' de repolo de Betanzos; e a segunda nun prato de "fallos", callos con fabas da Reserva da Biosfera.
Na xornada de mañá domingo, o cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, de Boiro, poralle o broche final ao programa de showcookings da Deputación dando a coñecer os produtos da comarca de Barbanza-Arousa. Convén lembrar que na xornada do venres fora o cociñeiro Miguel Giaquinto, da trattoria-pizzería Vesubio de Carballo, o encargado de dar a coñecer o produto culinario da Costa da Morte. Cada cociñeiro vén realizando dúas sesións de cociña en directo, unha ao mediodía e outra pola tarde, nas que ademais de promocionar a gastronomía, tamén dan a coñecer outros recursos das súas respectivas comarcas.