Estás en:Novas

Europe Direct A Coruña celebra o Día de Europa cun espectáculo de maxia, entregas de premios e recursos dixitais para difundir a Unión Europea

'A Maxia de Europa' é unha viaxe de trucos, humor e ilusión polos valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea que se poderá ver, logo da inscrición previa, ás 18 horas do 9 de maio na Biblioteca provincial

O Pazo Provincial acollerá na mañá do vindeiro martes as entregas de premios do concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia e de Embaixadorxs Destino Europa

O martes tamén abre o prazo para inscribirse nas xornadas de intercambio xuvenil entre membros do ClubUE de EUROPE DIRECT A Coruña e EUROPE DIRECT Asturias que terán lugar en xullo

Europe Direct A Coruña celebra o Día de Europa cun espectáculo de maxia, entregas de premios e recursos dixitais para difundir a Unión Europea

EUROPE DIRECT A Coruña celebra o Día de Europa con varias actividades programadas para o 9 de maio para difundir o coñecemento da Unión Europea entre a cidadanía da provincia. O centro de información oficial da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña convida a descubrir os valores e as oportunidades de Europa co espectáculo 'A Maxia de Europa', que terá lugar ás 18 horas do 9 de maio na sala Manuel López da Biblioteca Provincial da Coruña.

'A Maxia de Europa' é un espectáculo de xogos, trucos, ilusións e humor guiado polo mago Pedro Bugarín, no que maiores e pequenos poderán coñecer nunha viaxe máxica e dinámica os valores, símbolos e vantaxes da Unión Europea. Bugarín é un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa. A capacidade é limitada polo que, para asistir, é preciso reservar praza no seguinte formulario: https://dacoruna.gal/biblioteca/actividades

Entrega de premios Embaixadorxs Destino Europa e Cidadanía Europea en Galicia

Na mañá do 9 de maio, o Pazo Provincial acollerá as entregas de premios dos dous concursos que EUROPE DIRECT A Coruña organizou cara o Día de Europa. Os premios da décima edición do concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia, que este ano tiña por lema 'Unha viaxe pola Unión Europea', entregaranse ás 12 horas.

Nesta edición acadou o primeiro premio Brais Cortón coa súa fotografía Risveglio di una città – Espertares, unha imaxe da mañá en Zagreb tras o Aninovo e na que esperta coa chegada do euro e pola que recibirá unha cámara de fotos. En segundo lugar, quedou a fotografía Marchar da casa, ficar na casa, de Aldán Creo, que reflicte o sentimento de pertenza que sentiu o autor ao ver a Torre Eiffel vestida coa bandeira europea na súa etapa de Erasmus en París. Recibirá un tablet como premio.

No segundo acto do día, que comezará ás 12.30 horas, EUROPE DIRECT A Coruña fará entrega dos bonos de interrail que gañaron os e as participantes na campaña Embaixadorxs Destino Europa, unha iniciativa do centro para difundir as oportunidades europeas para a mocidade en redes sociais.

Os membros do ClubUE Emma Fernández, Uxía Seijas, Alba Lamas, Judith Ruso, María Maceiras, Óscar Valle, Sara Vispalia e Andoni Urresti compartiron 160 publicacións e historias durante case tres semanas dende as súas contas de Instagram para difundir os programas e iniciativas da Unión Europea para a mocidade. Os participantes que cumpriron cos requisitos do concurso recibirán o Día de Europa un Interrail Global Pass que permite viaxar en tren por Europa.

Espazo Europa e Europa a un paso

EUROPE DIRECT A Coruña realiza tamén neste mes de maio dúas accións dixitais e en liña para contribuír á difusión e coñecemento da Unión Europea. Xa está dispoñible o Espazo Europa, unha innovadora experiencia 3D na que os usuarios poden explorar un moderno edificio hiperrealista, inspirado na arquitectura da Europa do futuro. No paseo virtual por Espazo Europa o público usuario pode adentrarse nas catro salas dedicadas aos símbolos, valores, cultura e ciencia na Unión Europea.

Neste espazo 3D atopamos a unha persoa real, unha guía gravada en catro dimensións (4D), que dá a benvida ao visitante e presenta cada unha das salas expositivas. Esta personaxe foi gravada nun plató virtual que permite a interacción das persoas con contornas que foron creadas de maneira dixital e en tres dimensións. Esta tecnoloxía permite recrear a sensación de que a presentadora se atopa fisicamente en Espazo Europa e que pode moverse dentro del e interactuar cos seus elementos.

Espazo Europa é libremente transitable para os visitantes, que terán autonomía para desprazarse, explorar, facer zoom ou rotar a posición. Ademais, é accesible desde todo tipo de dispositivos dixitais.

Pódese acceder no enderezo: https://dacoruna.gal/europedirect/espazoeuropa

Outra das iniciativas que o centro presentará en maio é Europa a un paso, unha campaña de información a que busca achegar ao público mozo algúns dos programas e iniciativas da Unión Europea como os programas de prácticas, o Erasmus, os voluntariados e moitos máis. Esta campaña, que estará activa nas vindeiras semanas, está composta por nove vídeos animados de curta duración que se difundirán principalmente a través das redes sociais. Estará dispoñible na canle de Youtube de EUROPE DIRECT A Coruña: https://www.youtube.com/watch?v=cpdo_tmFU3o

Encuentro ClubUE

Coincidindo co Día de Europa, EUROPE DIRECT A Coruña abre a inscrición para o #EncuentroClubUE, as xornadas de intercambio xuvenil entre membros do ClubUE de Europe Direct A Coruña e do ClubUE de Europe Direct Asturias. #EncuentroClubUE celebrarase do 19 ao 21 de xullo no Pazo de Mariñán e permitirá o encontro de ata 20 persoas entre 18 e 26 anos que compartirán espazos, formación e experiencias con outras mozas e mozos galegos e asturianos. Máis información dispoñible en: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2023/encuentroclubue/

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.