Estás en:Novas

A Deputación da Coruña obtén 2 millóns de euros do Plan de Recuperación do Goberno de España para desenvolver o Plan de Sustentabilidade Turística das baterías de defensa de Ferrolterra

A Deputación manifesta a súa satisfacción pola consecución deste importante investimento, que avala e reforza o Plan de Recuperación das baterías de defensa da costa da Ferrolterra da institución provincial

A Deputación da Coruña obtén 2 millóns de euros do Plan de Recuperación do Goberno de España para desenvolver o Plan de Sustentabilidade Turística das baterías de defensa de Ferrolterra

O Goberno de España, a través da Conferencia Sectorial de Turismo, presidida polo ministro de Industria, Comercio e Turismo, aprobou onte distintos proxectos de sustentabilidade turística financiados con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

Entre eles, destaca a concesión de 2 millóns de euros para apoiar o proxecto presentado pola Deputación da Coruña para a rehabilitación das baterías de defensa da costa de Ferrolterra e a súa dinamización como destino turístico, impulsando a posta en valor do patrimonio histórico, cultural, costeiro e militar que estas representan, ao mesmo tempo que xeran oportunidades económicas vinculadas ao turismo sustentable.

A Deputación da Coruña expresa a súa satisfacción pola consecución deste importante investimento do Plan de Recuperación, que avala e reforza o Plan de Recuperación das baterías de defensa da costa da Ferrolterra da institución provincial, previsto en Ares, Campelo (Valdoviño) e Monte Ventoso (Ferrol) cun investimento adicional de 1 millón de euros.

Actuacións previstas

Entre as propostas de actuacións a desenvolver no Plan de Sustentabilidade Turística (PST) inclúese a recuperación do observatorio meteorolóxico de Monte Ventoso, a creación do aparcadoiros disuasorios no acceso ás baterías, a adecuación do firme de acceso ás baterías militares con zona para peóns e ciclistas, a sinalización de camiños ciclables, a mellora do alumeado eficiente no centro histórico de Ferrol e no entorno das infraestruturas do patrimonio militar, a creación dunha páxina web e un mapa virtual cos recursos turísticos, a recuperación e limpeza do baluarte de San Xoán, o desenvolvemento de ferramentas dixitais sobre o patrimonio histórico do centro de Ferrol e as baterías militares da Costa Ártabra e a rexeneración de zonas verdes e parques públicos.