A Deputación destina 63.000 euros para o investimento en políticas de xénero de catorce entidades sen fins de lucro
O Boletín Oficial de Provincia vén de publicar a resolución pola que se aproba a concesión provisional, por parte da Deputación da Coruña, das axudas correspondentes ao programa FOIO0B, de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o investimento en políticas de xénero no ano 2023. Neste exercicio, a institución provincial destinará 63.283,76 euros a catorce asociacións.
A listaxe de beneficiarias está formada pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña, Asociación de Acción Social, Educación Permanente y de Servicios a la Juventud y la Mujer TEMPUS, Asociación Centinelas, Asociación de Movilidad Humana para la Colaboración y el Desarrollo, Asociación de Mulleres Feministas SONLILÁ, Asociación Euro Eume, Asociación Mulleres Rurais de Galicia, ANPA do Colexio Público Arcediago A Xuntanza, Anpa O Castiñeiro do Colexio Público Eladia Mariño, Asociación Puntodelas-Secretaria das Mulleres, Asociación Visibles, Asociación Xanela, Asociacións Labregas e Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.
O obxectivo da convocatoria é apoiar ás entidades sen ánimo de lucro na realización de obras (acondicionamento, mantemento e reparación) e adquisición de equipamento para a mellora de servizos, programas ou actividades en materia de igualdade de xénero.
Para a concesións das subvencións valoráronse criterios de empoderamento e participación social; fomento da igualdade de xénero, fomento do emprego en igualdade de oportunidades; conciliación e responsabilidades compartidas; prevención, sensibilización e identificación da violencia de xénero; e tratamento integral das persoas en situación de violencia de xénero.