Estás en:Novas

A Deputación achega o sector audiovisual á mocidade promovendo o Concurso xuvenil de deseño de personaxes para animación e videoxogos

O alumnado deberá presentar as súas propostas de deseño dos personaxes "Simbo e Lima" a partir dun microrrelato

O prazo de presentación de deseños permanecerá aberto ata o 26 de xuño

As persoas finalistas participarán nun Obradoiro de Creación de Personaxes impartido por Marcos Raya, recoñecido deseñador de personaxes e concept artist, durante o congreso Mundos Digitales

A Deputación achega o sector audiovisual á mocidade promovendo o Concurso xuvenil de deseño de personaxes para animación e videoxogos

A Deputación da Coruña, no marco da súa estratexia de apoio e fomento do sector audiovisual, promove o Concurso xuvenil de deseño de personaxes para animación e videoxogos nos centros de ensino secundario obrigatorio e bacharelato da provincia.

A finalidade deste concurso é achegar á comunidade educativa as potencialidades deste sector, que conta cunhas expectativas de empregabilidade e traxectoria empresarial en auxe, e espertar o interese da mocidade na creación de personaxes dixitais, fomentando pola súa vez a creatividade e curiosidade.

O concurso consiste no deseño por parte do alumnado de entre 12 e 18 anos dos personaxes animados "Sambo e Lima" a partir dunha sinopse predeterminada.

Os mozos e mozas interesados poderán presentar tantos deseños como desexen e utilizando calquera técnica artística e material. Estes deseños e a restante documentación especificada nas bases do concurso deberán presentarse a través dalgunha das seguintes vías:

- En formato dixital a info@mundosdigitales.org

- En formato papel ao seguinte enderezo postal:

Concurso Xuvenil de deseño de personaxes – Mundos Digitales –

Rúa Sor Joaquina 4 bajo, Izq. 15011, A Coruña

O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 26 de xuño de 2023 e, a partir do 29 dese mesmo mes, daranse a coñecer as persoas finalistas.

O premio deste concurso consistirá na participación dun Obradoiro de Creación de Personaxes impartido por Marcos Raya, deseñador de personaxes e concept artist que na súa traxectoria profesional ten realizado proxectos para empresas como Playstation, Xbox, Nintendo, Nickelodeon ou Disney.

Marcos Raya Delgado é o primeiro concept artist español cun canal de YouTube e pola súa web, pasaron máis de 3 millóns de persoas para aprender a debuxar. É un profesional de recoñecido prestixio cunha ampla experiencia na orientación na creación de personaxes, en proxectos internacionais, debuxando para videoxogos, televisión, xogos de mesa, portadas de libros ou incluso encargos para organismos internacionais como a ONU.

Para a organización do concurso e do obradoiro a Deputación contará con Mundos Digitales Transmedia, S.L., empresa especializada na organización e dirección de eventos culturais, formativos e educativos, congresos e feiras, con sede na Coruña e cunha ampla traxectoria.

Pode atopar máis información sobre o Concurso xuvenil de deseño de personaxes para animación e videoxogos na seguinte páxina web:

https://www.mundosdigitales.org/2023/es/actividades/otras-actividades/diseno-personaxes/sambo_e_lima.html