Estás en:Novas

A Deputación celebra este sábado en Abegondo a feira “Primavera no Camiño Inglés”

A Deputación volve reunir os dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo

A feira contará con diferentes actividades que incluirán actuacións musicais, showcooking en vivo, degustación de distintos produtos típicos e obradoiros para os máis pequenos

A Deputación celebra este sábado en Abegondo a feira “Primavera no Camiño Inglés”

Foto (ARQUIVO). Feira Primavera no Camiño 2022

Abegondo, acollerá este sábado, 10 de xuño, a sexta edición da feira "Primavera no Camiño Inglés", que que volverá reunir os dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento organizado pola Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

O acto contará coa asistencia de representantes da Deputación da Coruña e dos municipios da provincia polos que discorre este itinerario xacobeo.

Unha gran carpa situada no entorno do encoro de Beche acollerá os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística con diferentes actividades que incluirán actuacións musicais, mostras de artesanía tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos coma a tortilla de Betanzos, o pan de Neda ou as troitas de Oroso, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.

Durante a xornada haberá tamén actuacións musicais en vivo, rutas a cabalo e en bicicleta polo concello de Abegondo, un mercado de produtos locais, e diversos obradoiros, contacontos e actividades para nenos e nenas. Ademais, representantes da Confraternity of St. James (Reino Unido) e Camino Society Ireland (Irlanda) falarán da importancia de seguir divulgando o Camiño Inglés en terras británicas.

A feira deste sábado dá continuidade a un evento que gozou de gran éxito nas edicións anteriores, celebradas en Betanzos, Ferrol, Pontedeume e Sigüeiro e que ten como obxectivo a promoción do Camiño Inglés, un itinerario xacobeo que ten as súas orixes na Idade Media e que o nos últimos anos consolidouse como a ruta xacobea que máis medrou en número de peregrinos.

PROGRAMA DA FEIRA: 

https://www.caminoingles.gal/wp-content/uploads/2023/05/DIPTICO_PRIMAVERA-NO-CAMINO_2023.pdf