O XIV Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña recae na investigadora e docente Blanca Paula Rodríguez Garabatos
A compostelá Blanca Paula Rodríguez Garabatos é a gañadora do XIV Premio de Ensaio Manuel Murguía, que concede a Deputación da Coruña, pola súa obra "Catro exemplos da 'arte dexenerada' galega fóra da España saludable". O premio está dotado con 6.500 euros e coa publicación da obra.
A autora é investigadora, catedrática de Xeografía e Historia, escritora e docente de secundaria. Ten impartido clases e conferencias sobre arte, moda, semiótica e literatura na Universidade e en congresos internacionais. Ademais, é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña cunha tese titulada: "Moda de la Belle Epoque e indumentaria en la obra de Emilia Pardo Bazán.
O xurado estivo composto por ensaístas, docentes e escritores como Manuel Gago, María López Sández, Rafael Quintía, Inma Otero Varela e o gañador da pasada edición, Bieito Alonso. Tamén forman parte o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado valorou que a obra gañadora "traza confluencias entre catro dos artistas máis destacados da arte galega do século XX: Colmeiro, Granell, Maruja Mallo e Seoane, no contexto histórico dos fascismos europeos. Desde unha perspectiva interartística, afonda nas artes plásticas cun enfoque ideolóxico e hermenéutico. O texto ten vontade de estilo e a súa lectura flúe nun ton ensaístico que traza as vidas cruzadas dos artistas e a súa plasmación na produción, revelando as proximidades e diverxencias das súas biografías -marcadas pola Guerra Civil-, mais tamén as circunstancias da época e as ideas en conflito que a modelaron".
O Manuel Murguía de Ensaio é o primeiro dos seis premios literarios convocados este ano pola Deputación da Coruña que xa ten gañador. Entre xullo e novembro concederanse tamén o Castelao de Banda Deseñada, o Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, o Dieste de Teatro, e o Torrente de Narrativa en galego e castelán.