Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Dumbría destinan 246.865 euros á mellora de camiños no municipio

Formoso asinou o convenio co novo alcalde da localidade, Raúl González

A Deputación achega o 66% do investimento

Acondicionaranse un total de 28 quilómetros de vías nas parroquias de Dumbría, Berdeogas, Buxantes, Olveira e Olveiroa

A Deputación e o Concello de Dumbría destinan 246.865 euros á mellora de camiños no municipio

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o novo alcalde do Concello de Dumbría, Raúl González, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a mellora de diversos camiños municipais. Ao acto asistiu tamén o anterior rexedor e deputado en funcións de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro.

Formoso felicitou o novo rexedor e desexoulle sorte no seu mandato.

O orzamento total das obras é de 246.865 euros, dos que o ente provincial financiará 164.777 euros, o que supón o 66 % do total.

González Lado agradeceu a colaboración económica da Deputación, que permitirá acondicionar un total de 28,7 quilómetro de camiños e estradas municipais deteriorados polas inclemencias meteorolóxicas producidas nos últimos meses.

Segundo explicou o alcalde, o proxecto levarase a cabo nas parroquias de Dumbría, Berdeogas, Buxantes, Olveira e Olveiroa. Concretamente, no primeiro termo municipal actuarase no treito entre Castro e Pedras Canteiras, entre Figueiroa e Marco do Couto e no camiño en Caforra. A actuación inclúe o acondicionamento das explanacións, a limpeza de marxes e a reapertura de gabias.

Na parroquia de Berdeogas renovarase o camiño que une Alvarellos coa torre de control marítimo, en Campo e Sábade, no da Boudalleira á estrada de Sarteguas e deste punto á torre de control marítimo. Inclúese tamén a actuación na Vacariza á Pedriña e en Bordeogas. Prevese o acondicionamento e a limpeza de marxes destes lugares.

En Buxantes actuarase desde Figueiroa ao camiño Xacobeo e, tamén, nos camiños do Vilar. Prevese, do mesmo xeito, unha intervención en Cerván e a estrada a Miñóns e deste punto ao Prado de Saturno. Traballarase tamén na estrada de Anseán, na subestación e no rego de Campelas.

Na parroquia de Olveira mellorarase a baixada ao depósito de augas en Logoso e a explanación de Lucín a Olveira, ata o depósito de augas. Actuarase no tramo da estrada da Olveira á estrada A Boudañeira e de aquí á fervenza.

Por último, na parroquia de Olveiroa mellorarase o acondicionamento e pavimentación de varios camiños do lugar.

O período de actuación será duns seis meses de duración.