Estás en:Novas

Concurso HoxeLeoEn 2023

Este verán leva a bolsa BD contigo nas túas vacacións, fai unha foto bonita na túa viaxe e dinos que libro estás lendo. Podes gañar un vale para libros!

Concurso HoxeLeoEn 2023

  1. Recolle a túa bolsa BD na Biblioteca do 1 ao 31 de xullo
  2. Mándanos a foto do 1 ao 31 de agosto a través dos formularios que atoparás premendo aquí segundo sexas maior ou menor de idade
  3. En setembro revelaremos aos 2 gañadores de 2 vales para libros por 60€

Bases

Primeira. – Obxecto

O obxecto do concurso é a promoción da lectura en formato papel e en formato dixital durante o verán, no lugar de vacacións das persoas participantes. Con este motivo convócase un concurso de fotografías onde as persoas participantes deberán aparecer coa bolsa promocional da Biblioteca no lugar de vacacións que cada persoa elixa, e indicar que libro están lendo durante esas vacacións.

Segunda. – Participantes

Poderán participar todas as persoas físicas, de calquera idade, usuarias ou non da Biblioteca, de xeito libre. Quedan excluídas todas aquelas persoas con calquera tipo de relación laboral coa Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.

Terceira. – Formato

As fotografías presentaranse en formato jpg ou png, e nelas debe aparecer: o lugar de vacacións claramente identificable, e a persoa participante (que non é preciso que apareza de fronte) acompañada da bolsa BD, que será ben visible.

Cuarta. – Forma de presentación

A presentación das fotografías realizarase a través de dous formularios (un para cada categoría: maiores de 18 ou menores de 18) habilitados na web da Biblioteca www.dacoruna.gal/biblioteca.
Cada participante poderá realizar unha inscrición a través do formulario que lle corresponda, na que indicará o seu nome e apelidos, o lugar desde onde está tirada a fotografía (nome do monumento, cidade, país, etc.), teléfono, correo electrónico e enderezo postal.

Quinta. – Prazo de presentación

O prazo no que se poden recoller as bolsas na Biblioteca é do 1 ao 31 de xullo ou ata fin de existencias. Para a recollida da bolsa é preciso deixar o nome e apelidos e un enderezo electrónico de contacto. O prazo para cubrir o formulario e participar é do 1 ao 31 de agosto.

Sexta. – Premios

Os premios repártense en dúas categorías:
- Categoría 1: máis de 18 anos, na que se elixirá un gañador ou gañadora dun vale de 60€ para gastar en libros
- Categoría 2: menos de 18 anos, na que se elixirá un gañador ou gañadora dun vale de 60€ para gastar en libros

Sétima. – Entrega do premio

Finalizado o prazo de participación, anunciaranse os premiados nos diferentes medios da Biblioteca da Deputación, na páxina web www.dacoruna.gal/biblioteca e notificarase aos seleccionados por correo electrónico ou por teléfono. Deberán aceptar o premio no prazo de 72 horas dende a notificación, na que se indicará o xeito de entrega do premio.

Oitava. – Dereitos e deberes

As fotografías presentadas e a súa autoría expoñeranse na Biblioteca e difundiranse nas redes sociais propias da Biblioteca e tamén nas da Deputación da Coruña, polo que a participación no concurso supón a aceptación da mencionada difusión.
Quedarán excluídas da participación todas aquelas fotografías de contido inapropiado ou que non se axusten ao obxecto e ás bases do concurso.
A participación neste concurso supón a aceptación completa destas bases e do resultado do sorteo. As bases quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Biblioteca, na páxina web e nas redes sociais da Biblioteca.