Estás en:Novas

A Deputación financia con 812.000 € os programas de servizos sociais de 70 entidades da provincia

Terapias de rehabilitación, programas de atención psicosocial e prevención de condutas aditivas, respiro familiar, transporte adaptado ou integración social son algunhas das iniciativas que a Deputación apoia a través desta liña de axudas

AFAL Ferrol, Fundación Foltra e Asociación Integrados contarán cun vehículo para o transporte de usuarios cedido pola Deputación

A Deputación financia con 812.000 € os programas de servizos sociais de 70 entidades da provincia

Foto (ARQUIVO): Visita do presidente a Amicos en Boiro

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión definitiva das subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas e servizos en materia de servizos sociais para o ano 2023, cun investimento total de 812.498,53 €.

As axudas da Deputación chegarán este ano a un total 70 entidades da provincia da Coruña que desenvolven o seu traballo no eido social, con subvencións que oscilan entre os 1.800 e os 23.800 euros.

Con este investimento a Deputación pretende reforzar os servizos sociais da provincia co obxectivo de chegar ao maior número de persoas posible. "As entidades que traballan no ámbito social na provincia da Coruña realizan un labor fundamental con aqueles colectivos especialmente vulnerables. Un traballo que desde a Deputación queremos apoiar con estas liñas de axudas", afirmou a deputada responsable da área de Política Social, María del Mar García Vidal, que destacou que este programa "beneficia a miles de persoas" con diversidade funcional, adiccións, en risco ou situación de exclusión social, menores e outros colectivos especialmente sensibles, "axudándolles a mellorar a súa calidade de vida".

Terapias de rehabilitación, programas de atención psicosocial e prevención de condutas aditivas, respiro familiar, transporte adaptado ou integración social son algunhas das iniciativas que a Deputación apoia a través desta liña de axudas.

Listaxe de axudas:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/08/02/2023_0000006105.html

Tres novos vehículos

A Deputación vén publicar tamén as entidades sociais que recibirán vehículos adaptados para a prestación do servizo de transporte aos seus centros. Neste caso serán tres as beneficiarias: Asociación de Enfermos de Alzheimer AFAL Ferrol, Fundación Foltra para o seu centro de día de persoas con discpacidade en Teo e Integrados, Asociación para a Atención e Integración de Persoas con TEA ou discapacidade.

"Estes vehículos son unha demanda importante deste tipo de entidades sociais, xa que permiten o transporte diario dos seus usuarios e usuarias aos centros de día e centros ocupacionais, nos que realizan diferentes terapias e actividades", explicou a deputada responsable da área de Política Social, María del Mar García.