Estás en:Novas

A Deputación adxudica a adquisición do equipamento do estudo audiovisual virtual da Cidade das TIC por 6,1 millóns de euros

A empresa adxudicataria é Telefónica Servicios Audiovisuales, que se encargará da posta en funcionamento do centro de produción virtual VPxR
Despois da súa execución será o maior estudo de España, cofinanciado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- Next Generation EU

A Deputación adxudica a adquisición do equipamento do estudo audiovisual virtual da Cidade das TIC por 6,1 millóns de euros

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por valor de 6.115.592 euros o equipamento do estudo audiovisual virtual da Cidade das TIC, cofinanciado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- Next Generation EU.
A empresa adxudicataria é Telefónica Servicios Audiovisuales, que se encargará da parte de enxeñaría, dos sistemas de pantallas LED, iluminación, cámara e ópticas, tracking, escenografía virtual e xestión de media, das salas VFX e realizar a posprodución de audio, ademais da instalación, da formación, do mantemento e do soporte técnico.
O sistema de pantallas LED incorpora unha pantalla semicircular cun mínimo de 28 metros de longo e 6 metros de alto e resolución mínima de 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade. Este sistema de pantallas, que permite recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual, irá emprazado nun gran plató de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio.
Ademais, engade un sistema de iluminación xeral e de reforzo, sistemas de cámaras e ópticas cos seus soportes e accesorios, sistema de tracking, sistema de escenografía virtual, xestión de media, infraestrutura de vídeo e rede de datos. Tamén se inclúe o sistema eléctrico e a dotación tecnolóxica das salas VFX e de posprodución, conseguindo que o equipamento funcione de forma integrada.
A combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED posibilitarán aos produtores de cine e televisión a creación de contornos virtuais altamente detallados e realistas que lle ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de realidade aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real.
Con esta nova instalación novidosa, vangardista e plenamente funcional poderán asumirse un amplo rango de producións cinematográficas ou de series, así como producións broadcast e publicitarias. Tamén se poderán crear, xestionar e transmitir eventos virtuais en diversos campos como entretemento, educación ou capacitación corporativa, entre outros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "con este estudo audiovisual virtual sitúase á provincia da Coruña na vangarda internacional, mellorando a competitividade das empresas galegas do sector, e poñendo a Galicia como localización estratéxica de producións de cine, televisión ou videoxogos".
Ademais do equipamento, a Deputación xa completou a redacción do proxecto de construción do edificio que albergará o CEI nun edificio de nova construción situado na Cidade das Tic da Coruña, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros se reservan para albergar o plató virtual.

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---