A Deputación impulsa un programa para concienciar os escolares da importancia de preservar o mar e as praias
Máis de 1.400 alumnos e alumnas participarán no proxecto "Defende o mar a través do surfing", que se desenvolverá nas aulas e en 50 praias da provincia
Trátase da cuarta edición do programa, desenvolvido pola entidade Surf and Clean, e financiado pola área de Medio Ambiente da Deputación
As actividades levaranse a cabo nos concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Zas, Camariñas, Mugardos, Miño, Valdoviño e Ferrol
A Deputación da Coruña financia, un ano máis, o programa medioambiental "Defende o mar a través do surfing", unha iniciativa que intenta transmitirlle aos escolares da provincia a importancia de coidar o medio mariño. A Deputación, en colaboración coa entidade sen ánimo de lucro Surf and Clean" inviste no proxecto 20.000 euros a través das liñas de axudas para actividades e investimentos de Medio Ambiente.
As accións terán lugar nos centros escolares e praias fundamentalmente das comarcas da Costa da Morte e Ferrolterra. En concreto, as actividades levaranse a cabo nos municipios da Laracha, Carballo, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Zas, Camariñas, Mugardos, Miño, Valdoviño e Ferrol.
"As actividades, que se desenvolven tanto nas aulas como nas praias, inspiradas nos valores ecoloxistas do surf, chegarán este curso a uns 1.400 alumnos da provincia e pretenden concienciar aos escolares da importancia que os pequenos xestos individuais teñen para axudar a preservar un recurso tan valioso para a nosa provincia como o noso medio mariño.", explicou a deputada responsable de Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García López, que sinalou que "todos podemos pór o noso pequeno grao de area para coidar do mar e as praias e iso é o que aprenden os alumnos e alumnas que participan neste programa que desde hai catro anos conta co apoio da Deputación da Coruña", subliñou.
O responsable do proxecto, David Blanco, destaca a importancia de concienciar aos escolares de manter o noso patrimonio natural. "Esta iniciativa tenta chegar aos concellos rurais con menos habitantes, municipios con menos oportunidades, coa intención de transmitir a importancia de conservar o noso medio mariño, que é parte fundamental da nosa cultura".
Limpeza de 50 praias
No conxunto do programa destacan as actividades nas praias, nas que os escolares terán unha conexión directa co medio mariño traballando conceptos como a enerxía das ondas, os seres vivos destes hábitats e os perigos que ameazan o ecosistema do litoral. Nesta ocasión os alumnos e alumnas farán unha análise dos refugallos mariños atopados na praia co fin de propoñer medidas para diminuír a presenza desta ameaza nos areais. Este ano os escolares farán a limpeza dun total de 50 praias do litoral, o que lles permitirá coñecer datos desta problemática nos concellos implicados.
Blanco destaca entre as iniciativas do proxecto a plataforma en liña, con presentacións e exercicios destinados a transmitirlle aos escolares o vínculo do surf co mar. Nesta plataforma inclúese un concurso de debuxo no que os escolares plantexan solucións á polución provocada polos plásticos ou ao abuso dos recursos pesqueiros, entre outras cousas.
Outra das novidades deste ano será unha ferramenta educativa e promocional do proxecto denominada "O encontro". Nesta ocasión narrará a lenda dunha orca que pide auxilio a unha embarcación pesqueira. "Unha situación que recentemente se deu nas nosas costas polo que aínda que se trata dun conto sabemos que existen este tipo de casos constatados polos biólogos mariños do CEMMA", apunta David Blanco. A intención desta ferramenta e concienciar aos escolares, concellos e colexios da importancia de conservar o medio e as especies que o habitan.
Para levar a cabo estas iniciativas o programa conta co apoio de MSC Pesca Sostible, a Confradía de Malpica de Bergantiños, a Federación Española de Surf, o CEMMA ou a UDC.
Tamén está previsto un obradoiro sobre o impacto que teñen os protectores solares sobre o ecosistema mariño e a participación en diferentes encontros solidarios para fomentar a sensibilidade e o coidado do medio mariño. Trátase de concienciar os nenos e nenas da necesidade de protexerse dos raios de sol e, por outra banda, de que os protectores cumpran co medio ambiente.
O programa permite tecer unha comunidade entre os colexios, as escolas de surf, as administracións e as entidades medio ambientais.