Estás en:Novas

A Deputación publica o libro "A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura"

Coordinado polo técnico e dinamizador sociocultural Alberto de Boiro, o texto ten como obxectivo reflexionar sobre o momento actual da xestión cultural en Galicia e servir de ferramenta e recurso para profesionais e outros axentes que actúan na provincia da Coruña

Repartirase, de balde, nas xornadas 'A cultura é un dereito', que se celebrarán ao longo do ano, e tamén nos actos de presentación do libro que terán lugar nas vindeiras semanas; o primeiro deles, o 28 de setembro

A Deputación publica o libro

A Deputación da Coruña vén de publicar o libro "A cultura é un dereito. Unha visión social da Cultura". Coordinado polo técnico e dinamizador sociocultural Alberto de Boiro, o texto ten como obxectivo reflexionar sobre o momento actual da xestión cultural en Galicia e servir de ferramenta e recurso para profesionais e outros axentes que actúan na provincia.

O libro divídese en dez capítulos que falan de dereitos e de políticas culturais, de termos moi presentes hoxe en día —sostibilidade, accesibilidade ou igualdade en cultura— e tamén do estado no que se atopan sectores como a danza, o teatro, a poesía, os festivais de música, as bibliotecas ou os museos locais, entre outros.

Os contidos do texto están estruturados a través das quince xornadas que a propia Deputación organizou nos últimos cinco anos baixo o lema 'A cultura é un dereito', onde máis de 150 profesionais de recoñecida valía interviñeron en diferentes formatos que se poden ler ou ver de novo seguindo os enlaces que inclúe a publicación.

"A cultura é un dereito. Unha visión social da Cultura" inclúe artigos de persoas que participaron ou foron comisarias nas quince xornadas: Xavier Campos, Sabela Mendoza, Marcos Lorenzo, Encarna Lago, Sergio Lago, Clara R. Cordeiro, Roberto Pascual, Sivia Fiallega, Fran Quiroga, Andra Barreira, Carlos Lorenzo, Arancha Estévez, María Baqueiro ou o propio Alberto de Boiro.

O texto presentarase por primeira vez na xornada 'Acción e políticas culturais municipais', que o departamento de Cultura da Deputación da Coruña programou para o 28 de setembro no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nas vindeiras semanas tamén se dará a coñecer no grado de Xestión Cultural da USC en Lugo, na Esadg de Vigo, en encontros da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou na Culturgal.

En todas esas citas poderá conseguirse, de balde, igual que nas xornadas 'A cultura é un dereito' que se celebrarán ao longo do ano. Ademais, publicarase unha edición dixital do libro, que se poderá descargar, tamén de forma gratuíta, en formato pdf na web do servizo de publicacións da Deputación (dacoruna.gal/cultura/publicacions).