Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Carnota colaboran no proxecto ‘Galicia Remota’ para captar nómades dixitais

A iniciativa, que se desenvolverá no municipio do 8 ao 30 de outubro, busca facer do rural un polo de atracción de traballadores remotos

O vicepresidente Xosé Regueira e o alcalde Juan Manuel Saborido asinaron hoxe o convenio

A Deputación da Coruña e o Concello de Carnota colaboran no proxecto ‘Galicia Remota’ para captar nómades dixitais

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde de Carnorta, Juan Manuel Saborido, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento do proxecto piloto 'Galicia Remota'.

Con esta iniciativa búscase crear un novo modelo de turismo, innovación e sustentabilidade para facer do rural un polo de atracción de persoas que poidan desenvolver o seu labor profesional en teletraballo desde calquera lugar do mundo. 'Galicia Remota' pretende facilitar que as persoas traballadoras en liña vexan unha oportunidade na que vivir experiencias únicas de crecemento persoal e profesional e descubran novos lugares ao mesmo tempo que desenvolven o seu traballo en liña.

O ente provincial contribúe ao financiamento da actividade cunha achega de 24.000 euros, o 80 % do orzamento total, que ascende a 30.000 euros.

Regueira destacou que "a presenza de nómades dixitais pode contribuír á promoción indirecta do destino turístico a través do que estas persoas publiquen nas súas redes sociais, o que pode aumentar a visibilidade do lugar e atraer outros tipos de turistas que tamén queiran coñecer a localidade"

O vicepresidente tamén sinalou que "o gasto turístico diario dos nómades dixitais, en aloxamento, alimentación, compras e actividades é superior a respecto do gasto medio que fai un turista tradicional, polo que o comercio e hostalaría da localidade verán incrementados os seus ingresos nunha época das que se consideran temporadas baixas".

Un nómade dixital é unha persoa que utiliza internet para desenvolver a súa ocupación profesional ou para vender os seus coñecementos a outras persoas ou empresas o que lle permite traballar de forma remota e polo tanto levar unha vida viaxeira, xa non se trata só dunha forma de traballo senón dun estilo de vida que permite que teñas a túa oficina en calquera punto do mundo con boa conexión á rede.

12 nómades dixitais participarán no proxecto durante o mes de outubro

O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, explicou que un grupo de 12 nómades dixitais internacionais residirán durante tres semanas, do 8 ao 30 de outubro, no municipio e apuntou que durante a súa estadía, as persoas participantes nesta primeira experiencia, realizarán distintas actividades como: obradoiros con artesáns, roteiros de aprendizaxe, visitas culturais, coloquios específicos sobre emprendemento, etc.

O rexedor considerou que o programa é unha excelente oportunidade para promover Carnota como destino e como lugar para vivir e traballar, así como para axudar a motivar a emprendedores dixitais que busquen un lugar desde onde desenvolver a súa actividade profesional.

Co apoio a este proxecto o Concello de Carnota e a Deputación da Coruña mostran, unha vez máis, o seu compromiso coa loita contra a despoboación do rural e co impulso do desenvolvemento económico e social da provincia.