A Deputación aproba os plans de sustentabilidade turística da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e dos Fogóns do Anllóns
Estes dous PSTD supoñen un investimento de 2.875.000 euros e están financiados con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España (NextGeneration EU)
En total, a Deputación da Coruña lidera xa catro PSTD que supoñen un investimento de máis de 6 millóns de euros e chegan a 22 concellos da provincia
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade os convenios coa Axencia de Turismo de Galicia para o desenvolvemento de dous novos plans de sustentabilidade turística (PSTD): o da Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle, cun investimento de 1.375.000 euros e o dos Fogóns do Anllóns, dotado con 1,5 millóns de euros.
Ambos PSTD desenvólvense ao abeiro do Plan de de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europe- NextGeneration EU, e teñen como eixes centrais de acción fomentar a transición verde e sostible, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade turística.
O Goberno de España concedeu 6 millóns de euros á Deputación da Coruña para impulsar un total de catro PSTD que chegan a 22 concellos da provincia.
A maior Vía Verde de Galicia, tamén unha oportunidade para o turismo
A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, impulsada pola Deputación da Coruña dentro da súa aposta pola mobilidadade sostible e a dinamización do rural, demóstrase tamén como unha excelente oportunidade para o turismo cun PSTD aprobado polo Goberno de España de 1.375.000 euros.
A Vía Verde xa está en funcionamento desde finais de 2022 nos municipios de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso e chegará proximamente a Santiago de Compostela, completando así un itinerario de 36 quilómetros de senda para camiñar ou andar en bici sobre os antigas vías do ferrocarril que converten a esta infraestrutura na maior Vía Verde de Galicia.
Arredor da Vía Verde e enmarcado no Plan Nacional de Turismo Enogastronómico, o plan busca impulsar este destino como unha alternativa sostible baseada no desenvolvemento dun produto turístico singular a partir da gastronomía e os recursos inmateriais vinculados ao territorio (patrimonio histórico, cultural, paisaxístico...).
Entre as actuacións previstas neste PSTD destacan a elaboración dun plan de actuacións para evitar inundacións nos canles dos ríos Tambre e Lengüelle, a instalación de puntos de auga e de autorreparación de bicicletas; a elaboración dun plan de sombras nas áreas de descanso, coa instalación de pérgolas axardinadas, a elaboración dun mapa virtual e app dixital con recursos vinculados ao turismo gastronómico ou un plan para impulsar feiróns no que se fomenten os produtos locais, en colaboración con pequenos produtores.
O orzamento do PSTD da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle inclúe tamén 300.000 euros para financiar parte das obras do derradeiro tramo da Vía, que conectará Santiago de Compostela e Sigüeiro
Fogóns do Anllóns
O PSTD dos Fogóns do Anllóns é un proxecto estratéxico para impulsar o turismo sostible na comarca de Bergantiños e singularmente nos concellos de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Ponteceso e Laracha
O proxecto 'Os fogóns do Anllóns' está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible, e para cumprir cos catro eixes transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas. En canto ao primeiro eixo, a transición verde e sostible, 'Os fogóns do Anllóns' prevé, entre outras accións, a creación dunha rede de miradoiros e doutros espazos novos para usar, por exemplo, como praias fluviais; e tamén limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras dos ríos.
No relativo ao segundo eixo, a mellora da eficiencia enerxética, 'Os Fogóns do Anllóns' creará servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, apostará polo sendeiro do Anllóns, nuclear do proxecto, de 53 quilómetros que transcorren pola Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.
A transición dixital é o terceiro eixo. As accións de 'Os Fogóns do Anllóns' irán orientadas neste caso a explicar —con realidade aumentada e códigos QR— a gastronomía local, ou a deseñar aplicacións nas que consultar todo o relacionado co proxecto.
No referido ao cuarto eixo, o da competitividade turística, 'Os fogóns do Anllóns' buscarían o embelecemento de restaurantes, incentivando, por exemplo, que conten con louza e manteis elaborados na zona. Tamén se potenciarán as feiras e se deseñarán rutas gastronómicas que aposten polo produto local, de quilómetro 0.
Os Plans de Sostibilidade Turística chegan a 22 concellos coruñeses
En total, a Deputación da Coruña lidera catro PSTD que se desenvolven en 22 concellos da provincia e que supoñen un investimento de preto de 6 millóns de euros ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea- NextGeneration EU.
Os PSTD liderados pola Deputación son os de Fogóns do Anllóns (1,5 M€), Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle (1.375.000 €), PSTD Xeoparque do Ortegal (1,5 M€) e PSTD Fragas do Eume (1,5 M€).
Os plans dan un pulo importante a un sector como o do turismo, que representa un 11% do PIB e emprega a máis de 70.000 persoas en Galicia.