Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Val do Dubra retomarán o proxecto de mellora da travesía de Bembibre

O alcalde afirma que a habilitación de dúas novas zonas de aparcamento no centro permite realizar un proxecto que mellorará tanto a seguridade como a imaxe da travesía

Formoso e Díaz visitaron tamén o renovado campo de fútbol de Tilleira, unha das 51 obras financiadas polo Plan Único da Deputación no municipio

A Deputación e o Concello de Val do Dubra retomarán o proxecto de mellora da travesía de Bembibre

A Deputación da Coruña e o Concello de Val do Dubra colaborarán para retomar o proxecto de mellora da travesía de Bembibre, que discorre polo centro do municipio ao longo da estrada provincial DP 1914.

Así o anunciaron o alcalde Diego Luís Díaz, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, que hoxe realizou unha visita institucional ao municipio acompañado da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro. Á visita asistiron tamén o primeiro tenente de alcalde, Antonio Negreira, e as concelleiras Carmen Vilacoba e Celsa Oreiro. 

O alcalde de Val do Dubra explicou ao presidente "o cambio de condicións" desde a presentación orixinal do proxecto en 2017 e a súa posterior modificación en 2018, que recibiron numerosas alegacións por parte da veciñanza. "Agora contamos con dous aparcamentos grandes nas inmediacións da estrada DP 1914 que resolven o principal problema que formulaban comerciantes e veciños, que era o da falta de prazas de estacionamento no centro. Cremos que é posible recuperar este proxecto ou un similar, que contribúa tanto á mellora da seguridade viaria como da imaxe da zona", apuntou o alcalde.

Diego Díaz explicou ademais que o goberno municipal contribuiría tamén á mellora do entorno de Bembibre destinando parte dos fondos do Plan Único a mellorar os servizos públicos, como o saneamento e abastecemento de auga.

Formoso destacou que será necesario actualizar o proxecto, tanto nos prezos como nas accións a realizar, e mostrou a disposición da Deputación a colaborar con Val do Dubra nesta actuación, "se conta co apoio da veciñanza e do goberno municipal".

O proxecto orixinal, cun orzamento previsto de 413.000 euros, recollía a renovación e ampliación das beirarrúas, a pavimentación do vial e a dotación de novo mobiliario urbano, incluindo a prantación de árbores, alumeado e outras medidas destinadas a mellorar a imaxe desta avenida principal, que conta cun elevado tránsito de peóns e vehículos.

Novo terreo no campo de fútbol

Formoso e Díaz, acompañados de Mónica Rodríguez e Antonio Leira, e da presidenta da Sociedade Deportiva Dubra, María del Carmen Noya Iglesias, visitaron tamén o campo de fútbol de Tilleira, cuxas obras de renovación do céspede e mellora de accesibilidade foron financiadas con cargo Plan Único (POS+2021) cun investimento de 168.429 euros. O campo conta cun terreo de xogo con herba artificial de última xeración.

Formoso destacou que, nos últimos dous mandatos, o Plan Único da Deputación da Coruña investiu 6,1 millóns de euros no municipio, "financiando un total de 51 obras coma esta que contribúen a mellorar as infraestruturas e servizos públicos e a mellorar a calidade de vida da veciñanza de Val do Dubra".

Entre esas 51 obras financiadas pola Deputación nos últimos anos en Val do Dubra destacan numerosas pavimentacións e renovación de camiños, estradas e beirarrúas en diferentes núcleos rurais do municipio.