Estás en:Novas

A Deputación da Coruña convoca o X premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade

A deputada de Igualdade, Soledad Agra, anima a participar a todos os colexios públicos da provincia que imparten infantil, primaria e secundaria

O prazo para a presentación dos traballos finaliza o 9 de novembro ás 14:00 h.

A Deputación da Coruña convoca o X premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade

A Deputación da Coruña convoca o X premio Concepción Arenal, que ten como obxecto deseñar e executar proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e o rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúen a xerar e manter a violencia de xénero, así como a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respectar a igualdade de oportunidades reais entre sexos, así como a igualdade de trato e a non discriminación por razón de orientación sexual e identidades de xénero.

O premio concederase ao mellor programa educativo en cada unha das tres modalidades que xa se implantase, que se pretenda continuar ou ben que estea pendente da súa execución. Premiarase o programa de actividades de centro no que se traballe a prol da consecución da igualdade entre homes e mulleres, a igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero, así como a sensibilización, prevención de comportamentos de risco e intervención en materia de violencia de xénero incorporando de forma transversal a educación en valores como a solidariedade, tolerancia, respecto, xustiza, igualdade, diversidade etc

Poden participar centros educativos públicos da provincia que impartan educación infantil, primaria, ou as dúas, educación especial e educación secundaria. Os proxectos presentados deben ser orixinais. Cada centro educativo só poderá participar cun único proxecto. Non poderán participar os centros educativos premiados, en convocatorias anteriores, na mesma modalidade na que se presentaron.

Establécense tres premios, un por cada modalidade, dotados cada un deles con 5.000 €. O prazo de presentación remata o 9 de novembro ás 14:00 h.

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2023/10/03/2023_0000007723.pdf