Estás en:Novas

A Deputación licita por 105.986 euros a renovación do parque infantil do Centro de Día de Menores de Ferrol

Foi un dos compromisos adquiridos polo presidente Valentín González Formoso na súa visita ao centro o pasado mes de maio

Realizarase a renovación completa do parque e instalaranse novos xogos, adpatados ás diferentes idades e a menores con discapacidades

A Deputación licita por 105.986 euros a renovación do parque infantil do Centro de Día de Menores de Ferrol

FOTO (ARQUIVO). Visita de Formoso ao centro, o pasado mes de maio

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do parque de xogos infantís situado no Centro de Día de Menores de Ferrol. O orzamento para realizar esta actuación ascende a 105.986,78 euros, financiados na súa totalidade pola entidade provincial e o prazo de presentación de ofertas remata o 18 de outubro.

A actuación foi un dos compromisos adquiridos polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a súa visita ao centro – dependente da institución provincial- o pasado mes de maio. Na visita, Formoso comprometeuse a renovar o parque infantil, xa moi deteiorado, e a dotalo de xogos adpatados ás diferentes idades e a menores con discapacidades.

O proxecto inclúe a retirada do equipamento e o pavimento deteriorado xunto coa instalación de novos xogos, algúns deles de carácter inclusivo. Para isto realizarase unha pequena ampliación do propio parque, tanto da súa zona pavimentada como do xardín.

Entre as actuacións e melloras que se pretenden introducir neste proxecto está a delimitación de dúas zonas destinadas ás franxas de idade de 0 – 2 anos e 3 – 6 anos; a ampliación da zona de xogos infantís cara a parte axardinada para poder instalar acaneadoiros en ambas zonas; a renovación do pavimento de caucho en área de impacto dos xogos, a dotación de novos xogos e a reposición da varanda que rodea o recinto para evitar riscos; a instalación de xogos inclusivos para dotar de autonomía á franxa de 3 a 6 anos e a incorporación de mobiliario para actividades de lectura e celebracións na pradería.

O Centro de Día de Menores de Ferrol

O Centro de Día de Menores de Ferrol, dependente da Deputación, regula a atención integral que se presta a 75 nenos e nenas (70 prazas para Ferrol e 5 para Narón) de entre catro meses e 12 anos de idade en situacións especialmente vulnerables, que contan co apoio e seguemento por parte de trinta profesionais do eido social e educativo.

Ademais da manutención e a intervención socioeducativa cos menores e as súas familias, o centro conta con servizo de transporte financiado pola Deputación da Coruña para os desprazamentos dos menores aos centros escolares.