Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presenta o proxecto audiovisual “Mulleres emprendedoras do rural” para conmemorar o Día da Muller Rural

A estrea terá lugar o domingo 15 de outubro no Fogar de Ceilán (A Baña) coa participación da deputada de Igualdade, Soledad Agra, e da concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, Mónica González

A Deputación da Coruña presenta o proxecto audiovisual “Mulleres emprendedoras do rural” para conmemorar o Día da Muller Rural

O domingo 15 de outubro, Día da Muller Rural, ás 17:00 horas, a área de Igualdade da Deputación da Coruña realizará no Concello da Baña a presentación do proxecto audiovisual "Mulleres emprendedoras do rural".

A deputada de Igualdade explicou que o proxecto audiovisual consiste nunha serie de 5 vídeos de aproximadamente 3 minutos cada un, que teñen como obxectivo amosar referentes de mulleres emprendedoras da provincia da Coruña en diferente sectores, coa finalidade de visibilizar o seu traballo e pór en valor a actividade que desenvolven no rural, "trátase de coñecer facéndolles unha entrevista a cada unha das protagonistas, o seu labor, o seu día a día, os retos que tiveron que afrontar para emprender no rural e a súa historia actual, poñendo o foco tamén no seu futuro como mulleres á fronte dunha empresa no rural"

As protagonistas destes vídeos son Leticia Iglesias (Neda), coa súa empresa de venta de produtos de horta "Na Horta da Avoa María"; Carme Pampín (Touro), cofundadora de Galchimia, centro de excelencia para a investigación química; Sonia Ares (Rois), artesá traballadora de prata e vidro; María Fandiño (Curtis), enxeñeira industrial e gandeira; e Rocío Picado (A Baña), xerente do Fogar Residencial e Centro de Día Fogar de Ceilán.

O acto é público e aberto a todas as persoas que queiran asistir.

Este proxecto achegarase tamén durante o mes de outubro a outros 4 concellos da provincia da Coruña en datas que se van anunciar nos vindeiros días.