Estás en:Novas

Fairway regresa do 1 ao 3 de novembro ao Pazo de Congresos de Galicia con novidades como unha Feira de Emprego

Fairway é o único foro profesional sobre o Camiño de Santiago e conta co apoio económico da Deputación da Coruña 

O deputado Antonio Leira destacou na presentación que o evento supón "un escaparate excepcional para a promoción dos Camiños e dos municipios polos que pasan"

Fairway regresa do 1 ao 3 de novembro ao Pazo de Congresos de Galicia con novidades como unha Feira de Emprego

Fairway regresa ao Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia do 1 ao 3 de novembro cunha quinta edición chea de novidades. Presentáronse esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar na Sacristía Alta do Hostal dos Reis Católicos de Santiago. A cita contou coa presenza do deputado delegado do Camiño de Santiago na Deputación da Coruña, Antonio Leira; do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles a concelleira de Turismo do Concello de Santiago, Miriam Louzao, e os tres codirectores do Fórum do Camiño de Santiago, Ana García -Trevisani-, Manuel Oreiro -Viajes Viloria- e Tono Mugico -Mr Turismo Márketing en Acción-.

Na súa intervención, Antonio Leira indicou que Fairway "supón un escaparate excepcional para a promoción dos Camiños e dos municipios polos que pasan". Neste senso, gabou o labor desenvolvido pola organización dun evento que ofrece, nun mesmo espazo, todos os aspectos relacionados coas Rutas Xacobeas, desde empresas especializadas a debates de interese.

Pola súa banda, Xosé Merelles, destacou o papel de Fairway como "unha cita indispensable no outono galego para os cada vez máis profesionais vinculados ao Camiño de Santiago". Agradeceu á organización a súa iniciativa e salientou a oportunidade de celebrar este encontro baixo a premisa, este ano, da economía circular e a sustentabilidade. Neste sentido, recordou que se aliña directamente co modelo turístico no que traballa a Xunta de Galicia con accións que están a permitir "xestionar o crecemento turístico de maneira responsable e intelixente para manter a boa experiencia da peregrinación", expresou.

Finalmente, a edil compostelá puxo en valor a contribución de Fairway "na dinamización do turismo MICE na cidade", que suscita cada vez maior interese. Ademais, este evento supón "unha oportunidade para dar a coñecer todo o potencial del sector vinculado aos distintos Camiños".

Feira de Emprego e Open Day

No tocante ao programa en si, Ana García adiantou que "unha das grandes novidades deste ano será a Feira de Emprego, en colaboración coa Fundación Ronsel, que terá lugar o mércores 1 de novembro, coincidindo co Open Day de Fairway". Esta incorporación ao programa vén dada polas necesidades trasladadas desde as distintas empresas. "Quixemos dar un chanzo máis neste encontro do sector e facilitar ás compañías a posibilidade de captar novos perfís laborais para as súas vacantes. Polo de agora, temos recibido máis dunha decena de empresas ofertantes que demandan preto dunha vintena de postos como recepcionista, guía turístico, auxiliar administrativo, axentes de reservas ou camareiros/as de pisos. Para participar, só hai que inscribirse a través dos formularios dispoñibles na web", explica.

No Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago habilitarase un espazo onde as empresas poderán contar co seu propio stand onde realizar entrevistas ás persoas candidatas. Paralelamente, ofreceranse obradoiros prácticos -sobre como facer unha entrevista de traballo-e mesas de debate -con exemplos de emprendemento no Camiño ou as vantaxes do Plan Retorna da Xunta- coa fin de completar a experiencia do público nesta xornada.
Sobre o programa do Open Day, a codirectora de Fairway indicou que, tras o éxito da pasada edición, contarase de novo co concerto de Xabier Díaz, ás 18.00 horas do 1 de novembro. Esta xornada aberta ao público ofrecerá propostas para todas as idades, entre as que salientan, como novidade, a sesión Contos e vermú, que contará con Quico Cadaval e Sole Felloza. Continúan as propostas xa consolidadas de escape rooms e obradoiros de mindfulness. Todas as actividades en Fairway son de balde, previa inscrición a través da web.

Más de 3.000 reunións de negocio programadas
Outro dos puntos de interese do V Fórum do Camiño de Santiago é a sección de Workshop. Sobre esta, Manuel Oreiro indicou que "desde Fairway facilitamos a realización de máis de 3.000 reunións de negocio entre empresas e preto de 40 turoperadores nacionais e internacionais. A diferenza da anterior edición, a maioría dos encontros serán de carácter presencial".
Esta actividade compleméntase coa organización de famtrips e presstrips, nos que arredor dunha trintena de turoperadores e representantes de medios de comunicación poderán coñecer de primeira man as bondades de até tres Camiños: o Portugués, o de Muxía-Fisterra e o Primitivo (comezando desde Asturias). "Estas propostas permítennos dar un chanzo máis na promoción de Fairway e das distintas Rutas Xacobeas", conclúe Oreiro.

Obradoiros formativos, mesas redondas e de debate

Fairway sempre deixa un espazo para a formación gratuíta de profesionais e estudantes do sector del turismo vencellado ao Camiño. "A temática desta edición é a Economía Circular e, para isto, ofreceremos nas seccións de Academy e Congreso -os días 2 e 3 de novembro- distintas mesas redondas nas que se presentarán exemplos de proxectos profesionais e de emprendemento que respectan este principio", explicou Tono Mugico.

O codirector deste evento salientou que tamén se ofrecerán "talleres formativos para dar a coñecer o uso de ferramentas dixitais que poderá facilitar a proxección e organización das empresas do sector. Así, contamos cunha sesión sobre posicionamento orgánico en buscadores, Chat GPT,a xestión de reservas a través de WhatsApp Márketing ou o uso de Tiktok como xerador de reservas para aloxamentos turísticos. Todas estas actividades serán dirixidas por expertos e expertas en márketing dixital e terá carácter gratuíto, previa inscrición a través da web www.fairwaysantiago.com".

Os tres codirectores de Fairway agradeceron o apoio institucional ao desenvolvemento do evento, que conta coa "inestimable colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e do Concello de Santiago", concluíron.