Estás en:Novas

O deputado de Contratación, Xosé Penas, reivindica a importancia da involucración público – privada no V Congreso do Observatorio da Contratación Pública

O congreso, que se inaugurou esta mañá no Paraninfo do Reitorado da UDC, xuntou a profesionais e académicos que traballan neste ámbito

Na súa intervención durante a sesión inaugural, Xosé Penas destacou tamén a necesaria axilidade, racionalización e excelencia dos procesos

O deputado de Contratación, Xosé Penas, reivindica a importancia da involucración público – privada no V Congreso do Observatorio da Contratación Pública

O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamentos, Xosé Penas, acudiu esta mañá á inauguración do V Congreso do Observatorio de Contratación Pública que se celebra entre o 18 e o 20 deste mes no Reitorado da UDC. Alí, destacou a importancia da colaboración público – privada nos procesos como fórmula clave para que estes sexan máis áxiles e de maior calidade.

Ademais, nunha mesa inaugural formada exclusivamente por autoridades masculinas, o deputado  salientou a necesidade de contar cunha maior presenza feminina, xa que "son moitas as mulleres expertas neste ámbito".

Xosé Penas sinalou tamén que a contratación pública debe evolucionar da man da sociedade, "sendo máis viva e incorporándoa á nosa vida cotiá". Exemplo diso é a Deputación, que foi "pioneira en axilizar procesos e adecualos á realidade social", puntualiza.

A responsabilidade social debe estar tamén en todo o proceso de contratación pública, "favorecendo a economía local, mellorando o impacto social e, por suposto, aplicando a ética e o sentido común".

Axilidade, racionalización e excelencia de todo o sistema e dos axentes implicados deben ser tres obxectivos a acadar, xa que "a contratación ten que estar ao servizo público dos cidadáns porque ese é o motivo polo que existe".