Deputación da Coruña e concellos da comarca de Santiago reúnense para abordar o estado do Parque Compostela Rupestre
Este encontro serviu para analizar o estado actual do proxecto e para poñer en marcha novas iniciativas para a súa difusión
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, destacou o papel da entidade provincial para tratar de axilizar os labores de limpeza dos accesos
![Deputación da Coruña e concellos da comarca de Santiago reúnense para abordar o estado do Parque Compostela Rupestre](/files/cache/2f135ab82abd42f7137754042542fd81_f61393.jpeg)
O Concello de Brión acolleu o pasado xoves unha reunión sobre o proxecto do Parque Compostela Rupestre, na que participaron o deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Penas, e representantes técnicos e políticos dos concellos que forman parte da comunidade intermunicipal: Brión, Val do Dubra, Santiago de Compostela, Teo e Ames. Nela, examinouse o estado actual do proxecto e acordouse a posta en marcha de diferentes accións para a súa promoción.
Pola súa parte, Xosé Penas sinalou que dende a Deputación se están tratando de axilizar os labores de limpeza dos accesos aos terreos e, unha vez finalizadas – previsiblemente, a principios do ano vindeiro – comenzará o proceso de adquisición dos predios nos que están os petróglifos.
Neste encontro tamén se acordou levar a cabo unha serie de accións para darlle visibilidade ao proxecto, como a xestión e actualización das redes sociais e da páxina web por parte de representantes dos diferentes municipios, para que a poboación estea ao día de todas as novidades.
Ademais, as entidades coincidiron na necesidade de marcar obxectivos medibles para facer un seguimento máis detallado dos avances do proxecto.