Estás en:Novas

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, participa na xornada “A Costa da Morte. Unha Terra Atlántica”

Organizada polo GDR Costa da Morte, esta xornada serviu de peche e valoración das actividades relacionadas coa marca Costa da Morte-Terra Atlántica, financiadas pola Deputación da Coruña

Xosé Penas destacou o potencial da Costa da Morte non só no turismo, senón tamén noutros campos como a investigación, a cultura, o emprendemento e o patrimonio histórico

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, participa na xornada “A Costa da Morte. Unha Terra Atlántica”

O centro sociocultural de Baio (Zas) converteuse onte no escenario de posta de largo das actividades relacionadas coa marca Costa da Morte-Terra Atlántica, do GDR Costa da Morte, que contaron co apoio da Deputación da Coruña. Esta xornada serviu para presentar as iniciativas levadas a cabo e as novas liñas de actuación, e tamén para poñer en valor a importancia da marca e o potencial da zona.

"A Costa da Morte é patrimonio, cultura, investigación, emprendemento, empresa, historia... É sobre todo unha marca de calidade e talento, na que se mestura a tradición milenaria coa ciencia e a innovación" sinalou o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, durante a súa intervención. "A súa marca e identidade deben irradiar todas as actividades que complementan a oferta global do territorio", engadía. Por iso, "dende a Deputación promovemos múltiples proxectos na comarca, pensados dende a nosa identidade e cun sentido transversal de retorno ao territorio".

Dende o GDR Costa da Morte valoraron os traballos de dinamización e divulgación da marca realizados, e presentaron unha proposta de novas actuacións de dinamización socioeconómica. O obxectivo da iniciativa é darlle visibilidade a todas as empresas que pertencen á marca e aos produtos e servizos da Costa da Morte, fomentando o seu desenvolvemento para converterse nunha marca do territorio líder.

A cita, que contou coa participación do presidente do GDR Costa da Morte, Manuel Muiño, e outros representantes da entidade, así como de empresas adheridas e da Deputación, exerceu ademais de punto de encontro no que intercambiar aprendizaxes, coñecementos e boas prácticas de experiencias similares.