Estás en:Novas

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destaca a gran presenza de mulleres na inauguración do Corunna Innovate Summit

A Cidade das TIC acolle este congreso sobre a revolución da intelixencia artificial e a ciencia de datos organizados por Data Spartan

As xornadas tratarán distintos temas como as aplicacións de big data e machine learning, ou como a IA é empregada en distintos sectores

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destaca a gran presenza de mulleres na inauguración do Corunna Innovate Summit

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, estivo presente, esta tarde, no acto de inauguración do Corunna Innovate Summit, organizado por Data Spartan, que reúne a expertos en materia de tecnoloxía para falar da evolución da intelixencia artificial e da ciencia de datos organizados, entre outras cousas.

A Cidade das TIC, un espazo que está chamado a ser polo de referencia en innovación e novas tecnoloxías, acolle este evento onde os relatores tratarán temas como as aplicacións de big data e machine learning, ou como a IA é empregada en distintos sectores.

Durante a súa intervención, a deputada destacou a presenza de tantas mulleres nun sector que, aínda a día de hoxe, continúa tan masculinizado: "é un fito insólito que a organizadora, a concelleira e tres relatoras sexan mulleres". De entre elas, resaltou a presenza de Amparo Alonso, máxima referencia na Intelixencia Artificial. "Alégrame ver que, pouco a pouco, as cousas comezan a ir mudando", sintetizou.

Tamén resaltou o apoio do ente provincial á innovación a través de distintos proxectos, como a colaboración na construción da Cidade das TIC e as súas infraestruturas. Entre elas, salientou o Coruña Estudo Inmersivo (CEI), que será "o maior estudo audiovisual de España" e permitirá que "Galicia e A Coruña sexan un referente en intelixencia artificial, dixitalización e tamén na industria audiovisual".

Ademais, o impulso do Programa de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, xerou, desde o ano 2016, moitos novos postos de traballo, fomentou o emprendemento e impulsou a innovación na provincia.

Nestas xornadas, as persoas participantes puideron adquirir coñecementos sobre as aplicacións de big data e machine learning, ou sobre como se emprega a intelixencia artificial en datos financeiros e a aplicación desta e da ciencia de datos en multitude de sectores.