Estás en:Novas

Cultura da Deputación concede 131.300,81€ á distribución de filmes en galego

A entidade subvenciona a distribución dun total de 15 filmes en lingua galega, entre os que se atopan "O Corno" ou "Matria"

Esta actuación forma parte do compromiso da Deputación de promover as películas en galego como medio para a difusión da cultura e da lingua do país

Cultura da Deputación concede 131.300,81€ á distribución de filmes en galego

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña aproba a concesión de 131.300,81€ euros para subvencionar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega (en VO, VOSG ou dobraxe ao galego) na provincia da Coruña durante o ano 2023.

Así, subvenciona a un total de 15 empresas de produción e distribución de filmes en galego, entre os que está o estreado hai poucos días "O Corno", que recibe 17.500€, o importe máximo da subvención. A película de Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián, exhíbese na provincia dende o pasado 11 de outubro. O mesmo importe destínase tamén a "Matria", de Álvaro Gago Díaz.

Este apoio da entidade provincial forma parte dunha liña de traballo da área de Cultura, que busca promover a difusión da lingua e da cultura do país a través da exhibición dos filmes en galego.

"A produción audiovisual é un sector estratéxico, clave para a difusión da nosa cultura, que nos últimos anos viviu un proceso de grande esplendor" destaca a deputada de cultura, Natividad de Jesús González. "Dende a Deputación queremos apoiar os novos talentos que irromperon no cinema galego e facilitar a proxección destes contidos que adoitan ter maiores dificultades de exhibición nas salas convencionais", engade.