Estás en:Novas

Turismo da Deputación leva a Barcelona “A provincia que sabe”

A área de Turismo da Deputación da Coruña participa no Fórum Gastronómic de Barcelona do 6 ao 8 de novembro

A entidade contará cun stand propio con diferentes actividades: vermús, showcookings, degustacións, charlas e ata unha exhibición da queimada

Turismo da Deputación leva a Barcelona “A provincia que sabe”

A Deputación da Coruña viaxa dende o luns 6 ata o mércores 8 a Barcelona para promover "A provincia que sabe", a súa marca turística e gastronómica, no emblemático Fórum Gastronómic. Alí, levará a cabo diferentes actividades como vermús, showcookings, degustacións, charlas e ata a elaboración do ritual tradicional da queimada.

"Queremos dar a coñecer non so a nosa riqueza gastronómica e paisaxística, senón tamén a nosa idiosincrasia, que nos fai tan únicos", sinala o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira. "Todo iso forma parte do atractivo turístico da provincia".

Catro xeodestinos da provincia
A programación desta edición céntrase en catro xeodestinos: Ría de Muros - Noia; Costa da Morte; Ferrolterra e As Mariñas. Showcookings impartidos por recoñecidos cociñeiros locais; degustacións de produtos típicos de cada zona; charlas sobre diferentes viños coruñeses e catas dos vermús Green Mixology e Bravú, súmanse ao ritual tradicional da queimada, que se poderá vivir durante os 3 días ás 16:00 horas no stand da Deputación da man de Miguel Queiro e Gonzalo Viñas.

Unha ambiciosa e completa programación
No caso da Ría de Muros – Noia, os chefs Pepe Senande de "A murad
á de Muros" e Fernando Rodríguez e Eva Mª Guzmán, de "O Secadeiro de Outes", cociñarán diferentes pratos con produtos da ría. Da Costa da Morte, estarán Adrián Loureiro e Alberto Cuenca, de "Furna Atlántica" de Caión (Laracha) e Silvia Facal, de "Balarés" (Ponteceso) preparando menús a base de peixes e mariscos da zona. De Ferrolterra, Adrián Pérez de "Sinxelo de Ferrol" elaborará unha receita que mistura mar e montaña. E, de As Mariñas, Lolo Mosteiro e Paula Martínez, de "A Artesa da Moza Crecha" (Betanzos) farán unha innovadora proposta con diferentes produtos locais.
As charlas sobre viños coruñeses correrán a cargo de Juan Chamorro, enólogo de Adega Cazapitas, e Alberto Varela, sumiller e CEO de Choiva Viños.
Ademais, poderanse degustar diferentes receitas a cargo da "Despensa d´Lujo": fabada celta, fabón con nécora e verdinas con ameixas e langostinos.

Todas estas actividades da Deputación no Fórum Gastronómic de Barcelona responden ao compromiso da área de Turismo de "situar no mapa internacional a riqueza e autenticidade da nosa provincia e dos nosos xeodestinos" e, ao mesmo tempo "impulsar o bo facer dos nosos cociñeiros, produtores locais e diferentes profesionais que traballan no sector turístico", apunta Regueira.