Estás en:Novas

Xosé Regueira destaca en Xantar Ourense “os sabores e os saberes tradicionais” da provincia

A área de Turismo da Deputación da Coruña está a participar no 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar promocionando "A provincia que sabe", a súa marca turística e gastronómica

O vicepresidente e deputado de Turismo, ademais, presentou na súa intervención institucional a nova guía turística da provincia da Coruña

A Deputación recibiu un dos Premios Xantar Internacional 2023, á mellor actividade relacionada coa saúde e a nutrición

Xosé Regueira destaca en Xantar Ourense “os sabores e os saberes tradicionais” da provincia

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou esta mañá en Xantar Ourense, nun acto institucional no que presentou a nova guía turística da provincia da Coruña e, ademais, destacou a calidade de "A provincia que sabe", a marca turística e gastronómica da Deputación.

"É un pracer volver a Xantar Ourense para promocionar os sabores e os saberes tradicionais da provincia da Coruña" apuntaba Regueira, "cun stand no que amosamos a nosa cociña, gastronomía, restauración, festas..." ao que convidou a visitar a todo o público asistente.

O vicepresidente da Deputación aproveitou tamén para presentar a nova guía turística da provincia da Coruña, "unha provincia moi rica que ten moito que ofrecer non só gastronomicamente" sinalaba. "Con 8 xeodestinos, 3 cidades, a reserva da biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, o xeoparque de Ortegal, e cun destino starlight certificado como é a Costa da Morte" que se recollen neste volume.

Tamén destacou a campaña "Meses con 'R', aposta segura" que está levando a cabo a asociación APTCM na Costa da Morte co obxectivo de seguir atraendo a visitantes ao territorio máis aló dos meses de verán, "unha iniciativa que, ademais de contribuir a desestacionalizar o turismo, pon en valor a nosa gastronomía" sinalou. "E que, ademais, está sendo un éxito, con máis de 150 establecementos participantes".

Fíxoo no acto central do día, dedicado á provincia da Coruña; Deputación de Lugo; Concello de Burela; Concello da Veiga; Cámara Municipal de Esposende; Córdoba Patrimonio Gastronómico; Cámara de Felgueiras e Cofradías Gastronómicas e Enófilas de XANTAR 2023, onde estivo acompañado de responsables das diferentes institucións.

Premio á mellor actividade relacionada coa saúde e a nutrición
Este acto culminou coa entrega de Premios Xantar Internacional 2023. A Deputación da Coruña foi unha das entidades galardoadas, que recibiu o premio á mellor actividade relacionada coa saúde e a nutrición, "por promocionar os recursos de quilómetro cero dos seus concellos cociñados por mans de expertos chefs locais e por apoiar a participación de empresarios locais que traballan dende a sustentabilidade" destacou o director da feira, Rogelio Martínez.

Participación en Xantar Ourense
A área de Turismo da Deputación participou un ano máis no Salón Internacional de Turismo Gastronómico "unha cita que para nós xa é unha tradición", apuntaba Regueira. Nesta ocasión, a entidade provincial apostou por unha programación centrada no xeodestino da Costa da Morte, dedicando cada un dos catro días a un concello diferente: Vimianzo, Mazaricos, Carballo e Ponteceso.

Xantar Ourense é a primeira das feiras gastronómicas e turísticas nas que a Deputación participa este mes de novembro. As vindeiras semanas estará no Fórum Gastronómic de Barcelona, do 6 ao 8, e na Feira Internacional de turismo de interior Intur Valladolid, do 16 ao 19. En todas elas, promocionará "A provincia que sabe" da man de chefs e produtores locais, que "despuntan en eventos de primeiro nivel como o Fórum de Barcelona, con propostas auténticas e de gran calidade."