Xosé Regueira destaca “o éxito dos produtos vinculados ao territorio” no Fórum Gastronómic de Barcelona
A área de Turismo da Deputación da Coruña continúa no seu stand coas actividades para promocionar 'A provincia que sabe', que están resultando un éxito de participación
Os cociñeiros Silvia Facal, do restaurante "Balarés" (Ponteceso), e Fernando Rodríguez e Eva María Guzmán, de "O Secadeiro de Outes" protagonizan os showcookings de hoxe
O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, fai un balance moi positivo destas dúas xornadas de Fórum Gastronómic
"Un ano máis, vemos como os produtos locais, de KM0, moi vinculados ao territorio, representan un dos maiores atractivos gastronómicos" destaca o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, nesta segunda xornada de Fórum Gastronómic de Barcelona, onde a entidade provincial participa con diferentes actividades que están resultado un éxito de participación.
Unindo produto e territorio
Unha xornada que comezou ás 12h coa degustación dos vermús Green Mixology e Bravú, "elaborados con auga do seu territorio, da Costa da Morte" apunta Regueira, para continuar ás 13h co showcooking de Silvia Facal, do Restaurante Balarés (Ponteceso), que cociñou berberechos do Anllóns e xarda de Malpica e verdinas de Coristanco .
"Todas as actividades están repletas dun público profesional que valora o produto e a maneira de tratalo", o que referenda a aposta da área de turismo da Deputación por promocionar "os sabores e os saberes da provincia da Coruña".
Degustando os saberes e sabores coruñeses
Ás 14h, hai unha degustación de fabón con nécora a cargo da Despensa D'Lujo e, a partir das 15h, o sumiller e CEO de Choiva Viños, Alberto Varela, imparte unha charla sobre viños coruñeses, que se poden probar na exposición permanente da empresa no posto da Deputación.
A actividade máis atractiva, que onte captou as miradas e os sorrisos de numerosos asistentes, é a elaboración do ritual tradicional da queimada, que ten lugar hoxe de novo ás 16h. "Sorprende ver como as nosas tradicións conquistan ao público máis esixente, que non quere perder este espectáculo e que non deixa de gravalo cos seus teléfonos móbiles", sinala Regueira.
A sobremesa da xornada corre a cargo dos chefs Eva María Guzmán e Fernando Rodríguez, de "O Secadeiro de Outes" que mesturarán vangarda e tradición, mar e montaña, para ofrecer unha vieira curada en auga de mar, figos caramelizados e aceite de folla de figueira, e repolo asado e fermentado, papada ibérica e caldo de alga kombu
"É un orgullo ver como os nosos produtos e os nosos profesionais trunfan nun evento de tan alto nivel como é este", afirma Regueira. "Sen dúbida, a nosa provincia sabe como conquistar os padais e os corazóns de todos os que a coñecen", engade.