"Sábeme a salamántiga o ceo da boca", "El silencio de las palabras" e "Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo" gañan o Premio Torrente Ballester da Deputación
A obra de César Cequeliños, "Sábeme a salamántiga o ceo da boca" foi a gañadora na modalidade de lingua galega, seleccionada por un xurado composto por Anna R. Figueiredo, Diego Ameixeiras, Tamara Montero, Ledicia Costas, e o gañador deste premio na edición 2022, Amador Castro
As obras de Anna M. Blasco Rovira, "El silencio de las palabras", e de Jesús María Antón Ávila, "Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo", foron as gañadoras ex aequo na modalidade de lingua castelá, seleccionadas por un xurado composto por Inma López Silva, María Piñeiro, Antonio Sandoval, Cristina Sánchez - Andrade, e Mario Beramendi
O xa coñecido "Cónclave de Mariñán" reuniuse hoxe para elexir as obras gañadoras do Premio Torrente Ballester nas modalidades de lingua galega e lingua castelá. Ambos xurados analizaron as 374 obras presentadas e decidiron conceder o galardón a "Sábeme a salamántiga o ceo da boca", de César Cequeliños, na modalidade de lingua galega , e "El silencio de las palabras", de Anna M. Blasco Rovira e "Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo",de Jesús María Antón Ávila, gañadoras ex aequo na modalidade de lingua castelá.
O xurado da modalidade en lingua galega estivo formado por Anna R. Figueiredo, Diego Ameixeiras, Tamara Montero, Ledicia Costas, e o gañador deste premio na edición 2022, Amador Castro. O da modalidade en lingua castelá formárono Inma López Silva, María Piñeiro, Antonio Sandoval, Cristina Sánchez - Andrade, e Mario Beramendi. Presidido pola deputada de Cultura, Natividad de Jesús González, actuou como secretaria a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz.
"Sábeme a salamántiga o ceo da boca" foi a obra gañadora por maioría do Premio Torrente en galego. O xurado salientou que é un texto ben escrito, áxil, divertido e con diálogos inxeniosos. A novela contén un elemento fantástico que está ben encaixado na trama. Debuxa moi ben a burguesía viguesa de comezos do século XX.
Pola súa parte, "El silencio de las palabras" é unha memoria familiar centrada na relación avoa-neta que lle serve á narradora para facer unha revisión da historia propia e de todo o século XX en Valencia. O xurado salientou que a autora manexa unha documentación moi rigorosa e presenta personaxes complexos, creando con soltura diferentes ambientes e momentos. Ademais, puxo en valor como é capaz de partir do concreto para relatar as vidas difíciles das mulleres. O papel da lectura na formación da nena protagonista é outro dos aspectos que valorou o xurado.
E, no caso de "Viaje alrededor de las aristas de un cuchillo" é un libro de relatos do que o xurado valorou o estilo coidado e a gran economía narrativa con influencias de autores como Carver. Tamén valorou a sensibilidade para captar os sinsabores da vida cotiá e a creación de diálogos que funcionan ben para que a acción avance. O xurado tamén salienta o interesante mundo interior dos personaxes e o dominio da técnica do relato.
César Cequeliños
César Cequeliños é o nome literario de César Lorenzo Gil (Arbo, 1977). Xornalista e editor. Dirixe a editorial Aira desde o 2017. Antes foi redactor xefe de A Nosa Terra e correspondente en Galicia de El Correo. É autor da novela A gran novela galega (Morgante, 2023) e – xunto co ilustrador Jorge Campos – dos títulos Atlas da Galicia pequeniña, Un día de festa en... Allariz, Historia da Galicia pequeniña, Animais míticos do Camiño de Santiago e Historia visual do RC Celta (1923 – 2023).
Anna M. Blasco Rovira
Licenciada en Historia Contemporánea pola Universidade de Valencia e Doutora en Historia Contemporánea pola Universidade Autónoma de Madrid. Durante a súa vida profesional foi profesora de instituto de secundaria e bacharelato. Escribiu artigos e ensaios de carácter histórico. Tamén relatos e a novela Aunque la noche sea más oscura.
Jesús María Antón Ávila
Dende fai dez anos, escribe de maneira habitual. Tras un curso de creación literaria na Escola de Escritores de madrid, comeza a cultivar a súa afición pola escritura. Tras anos de traballo, considera que os seus relatos están listos para percorrer o seu camiño a través de concursos literarios, para que sexa o lector o que entenda ás súas personaxes, profundizando nos seus medos, incertidumes, paixóns e escuridade, e tamén a humanidade que esconden no máis profundo.