O Pazo de Mariñán acolle a inauguración da exposición "A camelia na provincia da Coruña"
A Deputación organiza esta exposición itinerante co obxectivo de difundir información sobre o mundo da camelia
A mostra poderase visitar no Pazo de Mariñán ata o 26 de novembro
Os xardíns do Pazo de Mariñán acollen a exposición itinerante "A camelia na provincia da Coruña" da Deputación, que inaugurou esta mañá o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas. Esta mostra, que exhibirá o mundo da camelia como recurso turístico na provincia, estará dispoñible ata o 26 de novembro.
"Galiza é un dos mellores lugares do mundo para observar as camelias", apuntou o deputado, "e iniciativas como esta son fundamentais para dar a coñecer a súa importancia, e tamén para facer territorio e país".
En horario de 11h a 14h e 16h a 18:30h, pode visitarse esta exposición formada por tótems con información e imaxes sobre a camelia, e decoración natural a base de árbores de camelia. Fotografías en gran formato de personaxes recoñecidas da provincia portando a flor, información sobre a ruta da camelia de Galicia, así como outra máis xenérica, son algúns dos recursos que se poden atopar nestes paneis.
Ademais, esta exposición conta cunha caseta onde persoal da Sociedade Española da Camelia ofrece información sobre o mundo da Camelia en Galicia: cultivos e coidados, rutas turísticas, información de asociacións da camelia, exposición de produtos derivados de camelia e consulta de publicacións.
A exposición concíbese como un espazo ao aire libre para percorrer de xeito ameno e visualmente atractivo, con distintas variedades de planta natural de camelia en macetas de gran formato. "Convidamos á cidadanía a viaxar, a través desta exposición, polo mundo da camelia, presente nas artes, na moda, na xeografía, na música..." apunta Penas.
Tras finalizar o día 26 no Pazo de Mariñán, esta exposición itinerante viaxará ata Carballo, onde se inaugurará o vindeiro día 30.