A Deputación convoca a III edición dos premios de Boas Prácticas para entidades sociais da provincia
Os galardóns, dotados con 40.000 euros nas súas diferentes categorías, recoñecen o labor das entidades sociais da provincia
A Deputación da Coruña convoca a terceira edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, un galardón co que pretende recoñecer as entidades que traballan no eido social e na protección dos colectivos máis vulnerables na provincia.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases deste certame, que premiará o traballo realizado por entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña, e das persoas que están detrás delas, a prol do benestar social das persoas con máis dificultades.
As bases establecen que as entidades que presenten os seus proxectos deberán desenvolver a súa actividade nalgunha destas áreas: familia, infancia e mocidade; persoas con diversidade funcional; persoas maiores; minorías étnicas e inmigración; drogodependencias e outros trastornos aditivos; ou situación ou risco de exclusión social.
"Queremos que estes premios sexan un recoñecemento a todas aquelas entidades e persoas que cada día contribúen a mellorar a vida das persoas máis desfavorecidas, que traballan para construír unha sociedade mellor", afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso.
40.000 euros en premios
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou que nesta edición a Deputación outorgará catro premios de 10.000 euros cada un; tres deles aos mellores proxectos exemplo de boas prácticas no eido social e un premio á traxectoria dunha entidade que destaque pola súa implicación na mellora da vida das persoas.
"Desde a Deputación apoiamos o traballo de 273 entidades sociais cada ano, financiamos 411.000 horas de servizo de axuda no fogar,contratamos a 179 profesionais dos servizos sociais nos concellos e atendemos a máis de 2.700 persoas maiores co noso servizo de Teleasistencia. Son cifras que amosan que o eido social é un dos eixos fundamentais da acción desta institución", afirmou a deputada.
Na última edición deste certame, as entidades premiadas foron Down Coruña, Teima Down Ferrol, Aspanaes e Ambar Barbanza. Aspronaga e a Asociación Íntegro recibiron sendas mencións honoríficas.
O prazo para presentarse determinarase no anuncio de publicación da convocatoria deste programa no BOP a través da Base de Datos Nacional de Subvencións. As propostas deberán achegarse de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL da Deputación.
Bases dos premios en:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/11/14/2023_0000008981.html