Estás en:Novas

A Deputación reivindica o labor dos profesionais do traballo social nos concellos

A deputada de Política Social, Mar García, inaugurou en Santiago unha xornada do Colexio Oficial de Traballo Social sobre o modelo público de servizos sociais

García lembra que o apoio da Deputación permite contratar a 179 profesionais dos servizos sociais nos concellos e financiar 411.000 horas de servizo de axuda no fogar

A Deputación reivindica o labor dos profesionais do traballo social nos concellos

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou esta mañá en Santiago na inauguración dunha xornada organizada polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia sobre o modelo do sistema público de servizos sociais.

Mar García destacou a aposta da Deputación da Coruña por reforzar os servizos sociais nos concellos, xa que estes son "os máis próximos á cidadanía" e "os primeiros en atender as necesidades das persoas que os necesitan".

Neste sentido, lembrou que antes da chegada do goberno de Valentín González Formoso, o Plan de Servizos Sociais Comunitarios da Deputación, que financia boa parte das políticas sociais dos concellos, tiña un orzamento de 4 millóns de euros, mentres que este ano alcanza os 8,7 millóns.

"Duplicar o orzamento do plan permitiunos, por exemplo, contratar este ano a 179 profesionais especializados no eido social nos concellos da provincia, entre eles moitos traballadores e traballadoras sociais", destacou a deputada que incidiu no "gran traballo que estes profesionais realizan con colectivos especialmente vulnerables como a infancia, mulleres vítimas de violencia de xénero, maiores sen recursos ou persoas con discapacidade".

Mar García lembrou tamén que a Deputación financia este ano 411.000 horas de servizo de axuda no fogar nos concellos, "un servizo cada vez máis demandado e necesario, sobre todo no rural".

"Son programas que moitos concellos pequenos non poderían financiar por si mesmos, xa que carecen dos recursos económicos ou do persoal necesario. Por iso, na Deputación estamos ao seu carón para que, no eido social, os dereitos das persoas sexan os mesmos, independentemente de onde vivan", destacou a deputada.