A Deputación reforzará a súa aposta pola economía circular durante 2024
A deputada de Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, reuniuse co Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) para estudar colaboracións que impulsen a economía circular na provincia
Viratec centra o seu traballo en xerar alianzas público- privadas que desenvolvan proxectos innovadores centrados en lograr unha economía sostible
A Deputación da Coruña reforzará en 2024 a súa acción en ámbitos industriais e estratéxicos para o futuro da provincia como a intelixencia artificial, a biotecnoloxía, o sector audiovisual ou a economía circular.
Así o confirmou a deputada de Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, ao remate da reunión que mantivo na sede da institución provincial coa xerente do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), Ana Botas. Unha xuntanza que serviu para sentar as bases de colaboración entre ambas as dúas entidades de cara a unha provincia máis sostible desde o punto de vista económico, social e ambiental.
"Para a Deputación, constitúe unha prioridade avanzar na economía circular no ámbito provincial, así como na mellora da xestión actual de residuos e na redución da pegada ecolóxica, mediante un uso máis eficiente dos recursos do noso territorio e impulsando e apoiando a posta en marcha de proxectos e estratexias de economía circular no ámbito local", explicou Rosa Ana García, que destacou que "a experiencia de Viratec neste ámbito é fundamental na busca de solucións ambientais no ámbito local".
"Estes avances só poden vir da man da colaboración, da participación e da implicación do sector privado e das entidades locais como promotoras do cambio dende a base do territorio provincial", afirmou a deputada, que defendeu o modelo de desenvolvemento sostible "como unha oportunidade tamén para a innovación, o crecemento económico e o emprego"