A Deputación estuda a ampliación de estradas provinciais en Monfero
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, reuníronse co alcalde de Monfero, Andrés Feal
A Deputación da Coruña reuniuse co goberno municipal de Monfero para coñecer as necesidades e demandas do municipio en materia de seguridade viaria nas estradas de titularidade provincial.
Na reunión de traballo participaron a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, o alcalde de Monfero, Andrés Feal e o concelleiro de Obras, Alberto Cortizas, xunto con técnicos do departamento provincial de estradas.
No encontro, o alcalde de Monfero propuxo a ampliación de dúas estradas provinciais, a DP 5001 do Carballiño á Curra polo alto de Xestoso e a DP 5002 da Pila da Leña a Lagares. Ambas as dúas estradas teñen anchos non superiores aos catro metros.
Os representantes da Deputación comprometéronse a someter a estudo a viabilidade técnica e económica de ampliar estas dúas vías para que dispoñan dun mínimo de 7 metros de ancho, aínda que debido á gran lonxitude de ambos viais os traballos deberían acometerse por fases. Parte da estrada 5002 discorre ademais en espazos de Rede Natura, polo que serían necesarias distintas autorizacións para executar as obras.
Tras a reunión na Casa do Concello, os representantes da Deputación e do Concello de Monfero visitaron as estradas para coñecer in situ o seu estado