Estás en:Novas

A Deputación conmemora o 25N “De fronte á violencia de xénero”

A campaña institucional "De fronte á violencia de xénero" pon este ano o foco nas violencias machistas en contextos de lecer, festa e ocio nocturno

O vestíbulo do Pazo Provincial acolleu esta mañá un acto institucional no que participaron o presidente, Valentín González Formoso e a deputada de igualdade, Soledad Agra

O Pleno da Deputación, celebrado esta mañá, comezou coa lectura da "Declaración institucional do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres 2023', acordada por todos os grupos políticos da Corporación

A Deputación conmemora o 25N “De fronte á violencia de xénero”

O vestíbulo do Pazo Provincial da Deputación tinguiuse esta mañá de violeta para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro. O presidente, Valentín González Formoso e a deputada de igualdade, Soledad Agra, interviron nun acto que contou tamén coa actuación musical do dúo Caamaño & Ameixeiras.

O presidente afirmou que a Deputación "combate de fronte a violencia de xénero en todos os ámbitos", e aludiu ao discurso negacionista e "aos que pretenden derrogar leis e recortar dereitos e liberdades no eido da igualdade", engadiu. "Estamos de fronte aos maltratadores, aos que humillan, agreden e acosan ás mulleres, e tamén ao silencio cómplice e á equidistancia". Formoso lembrou ás 68 mulleres vítimas da violencia machista en Galicia nos últimos 20 anos.

A deputada de Igualdade, sinalou que "esas mulleres foron asasinadas por homes que foran as súas parellas ou que aínda o eran. Non son, como algúns partidos políticos nos queren facer crer, homes malos que matan mulleres, son homes que matan ás que consideran as SÚAS mulleres, porque a violencia contra as mulleres ten un transfondo ideolóxico que non teñen outras violencias, por iso o único xeito de que desapareza pasa por un cambio de mentalidade na sociedade que consiga que a igualdade legal vaia por diante da igualdade real. E para iso precisamos unha política educativa e comunicativa de tolerancia cero coa normalización de condutas machistas."

Baixo o lema "DE FRONTE á violencia de xénero", neste ano 2023, a Deputación está levando a cabo unha serie de actividades centradas na loita contra as violencias machistas en contextos de lecer, festa e ocio nocturno: obradoiros con alumnado de IES, colectivos e asociacións xuvenís e persoas usuarias de centros de atención á diversidade; accións nas rúas de Santiago, A Coruña, Ferrol e Cee; e pílulas dixitais "a pé de rúa".

"De fronte á violencia de xénero é unha iniciativa consolidade na provincia, con 91 concellos adheridos, 82 entidades sociais e 35 centros de ensino" destacou a deputada. "Este ano quixemos centrar o noso programa nas violencias machistas en contextos de festa e ocio nocturno, dirixíndonos á mocidade, porque son espazos nos que se están dando violencias sexuais moi graves e normalizando acosos, abusos e humillacións que coartan a liberdade das mozas", engadiu.

O presidente sinalou que "nun día como hoxe escoitaranse moitas declaracións e anuncios, e dende a Deputación pasamos das palabras aos feitos" aludindo ao aumento do presuposto na área de Igualdade nun 98% nos últimos anos, e subliñou que "as políticas de igualdade son transversais a todas as áreas do goberno provincial".

Tralas intervencións, visionáronse as pílulas gravadas "a pé de rúa" en Santiago, Ferrol, A Coruña e Cee, que recollen as testemuñas anónimas de mulleres que anotaron nun papel experiencias de violencias machistas.

O acto rematou coa actuación do grupo Caamaño & Ameixeiras que, ademais, leu un manifesto centrado tamén neste tipo de violencias; lectura que se fixo de maneira simultánea nun total de 16 centros educativos. "Camiñar cara un ocio máis seguro para todas as persoas implica que traballemos en entender as relacións dende unha ética dos coidados e do respecto. Traballar na prevención de condutas de risco e promoción de condutas saudables desde a perspectiva de xénero, apelando a relacións interpersoais baseadas no respecto, a comunicación, a liberdade e o consentimento para facer do ocio nocturno e os eventos festivos lugares seguros".

Declaración institucional
Ademais, o Pleno da Deputación, que se celebrou esta mañá tralo acto institucional do 25N, comezou coa lectura da "Declaración institucional do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres 2023', acordada por todos os grupos políticos da corporación.