Estás en:Novas

Deputación e Concello da Coruña asinan un convenio para o uso municipal dos polideportivos do IES Puga Ramón e do IES Rosalía Mera

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas, asinou os convenios co concelleiro de Fomento e Promoción da cidade, Gonzalo Castro

Con este acordo autorízase a utilización de ambas as dúas instalacións deportivas para o desenvolvemento de actividades deportivas municipais

Deputación e Concello da Coruña asinan un convenio para o uso municipal dos polideportivos do IES Puga Ramón e do IES Rosalía Mera

O deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, e o concelleiro de Fomento e Promoción da cidade do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, asinaron un convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades para a utilización dos polideportivos do IES Ramón Puga e do IES Rosalía Mera por parte do Concello para o desenvolvemento de actividades deportivas municipais.

Deste xeito, a Deputación cede ao Concello o uso destes dous pavillóns polideportivos dos que é titular para a realización das actividades deportivas a través das Escolas Deportivas Municipais.

Este convenio tivo no exercicio anterior unha excelente aceptación entre as entidades e clubs do tecido deportivo da cidade. Grazas a este acordo é posible ampliar a oferta de usos de instalacións deportivas do termo municipal e, ademais, contribuír a fomentar o deporte e a ocupación do lecer e do tempo libre entre a poboación da cidade, incentivando tamén o deporte base e de competición.

Con este convenio ponse así en disposición do Concello o uso das dúas instalacións deportivas para que a cidadanía da Coruña poida facer uso das mesmas a través das actividades municipais.