Estás en:Novas
EBIBLIODACORUNACLUB

"Despoxos e vísceras ilustres" de María Xosé Queizán

EbiblioDaCoruna Club Lector é un espazo en liña para ler, comentar e compartir lecturas, tanto en castelán como de autores galegos, tendo en conta a actualidade, intereses e gustos dos participantes. É un club virtual de lectura da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña dirixido a todas as persoas lectoras usuarias das bibliotecas municipais da provincia da Coruña.

Dende o 04/12 do 2023 estamos lendo no Club de Lectura Dixital  "Despoxos e vísceras ilustres" de María Xosé Queizán.
Sinopse:
O corazón de Percy B. Shelley, poeta romántico inglés, é un dos protagonistas deste libro. Despois dunha morte por afogamento e de pasar varios días no mar, as amizades conseguen incinerar o escritor, pero a súa víscera do amor e dos sentimentos, a máis acaída ao romanticismo, resístese á desaparición para regresar a carón da súa amada Mary e do seu fillo Florence.
O cerebro de Lenin, despois de morto este, será sometido polos dirixentes da Unión Soviética (que pretendían demostrar a súa excepcionalidade) a un rigoroso estudo que lles permita obter datos neurolóxicos sobre a intelixencia usando índices materiais, e en contra dos aspectos psicolóxicos e metafísicos. O corpo da socialista e marxista Rosa Luxemburgo, derramado pola auga, polo xeo e por diferentes animais do río Spree, será exhumado en tres ocasións.
En «Despoxos e vísceras ilustres», María Xosé Queizán desprázase pola existencia dos poetas románticos ingleses, pola política bolxevique en Rusia e na deriva do socialismo alemán despois da Primeira Guerra Mundial. Paralelamente, a través do mito e a percepción da realidade, do misterio e a truculencia de ilustres vísceras, entramos na historia de tres personaxes universais, tres vidas intensas e accidentadas, tres corpos alterados.

Desde o propio club de lectura dixital podes prestar o libro e comentar, citar ou chatear co resto de participantes.

1. Entra no CLUB DE LECTURA DIXITAL https://ebibliodacorunaclub.odilotk.es
2. Identifícate coas claves da EBiblioDaCoruna
3. Entra na sala correspondente "Arredor dos libros" dedicado a lecturas en galego
4. Presta o libro dentro do apartado Contido.
5. Desfruta da lectura e comenta e comparte cos teus compañeiros e compañeiras.

Para poder formar parte deste club de lectura virtual é preciso primeiro formar parte da biblioteca dixital EbiblioDaCoruna que é a biblioteca dixital da Deputación da Coruña para todas as bibliotecas públicas e municipais da provincia da Coruña.
Podes solicitar a túa alta de balde premendo aquí.
Pertencer ao club lector non ten ningún custo, e está aberto a que poidas usalo as 24 horas do día os 365 días do ano.