Estás en:Novas

Formoso asistiu ao acto de conmemoración do 45 aniversario da Carta Magna no museo Marco de Vigo

Formoso asistiu ao acto de conmemoración do 45 aniversario da Carta Magna no museo Marco de Vigo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no acto de conmemoración do 45 aniversario da Carta Magna, que se celebrou no museo MARCO de Vigo, organizado pola Delegación do Goberno en Galicia e o Concello de Vigo.

Ao acto asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a subdelegada do Goberno en Pontevedra en funcións, Isabel Alonso; as subdelegadas na Coruña e Lugo, María Rivas e Isabel Rodríguez, e membros da Corporación municipal viguesa.

O evento serve para reivindicar o carácter democrático e constitucionalista da Carta Magna, que segue sendo a ferramenta política española 45 anos despois de ser creada de forma consensuada por diferentes forzas políticas.

En declaracións ao remate do acto, Formoso reivindicou o diálogo, a negociación e o acordo como "os piares sobre os que se forxou a Constitución" e que "seguen sendo hoxe os alicerces da verdadeira política".

Formoso, que defendeu a "plena vixencia" de principios constitucionais como a liberdade, e igualdade, o respecto á diversidade, o dereito á vivenda, sanidade, educación e pensións dignas, recollidos na Carta Magna.

O presidente defendeu que o constitucionalismo supón "cumprir integramente" o texto constitucional "unha conquista colectiva que debemos preservar", afirmou.

É o segundo ano que a Delegación do Goberno conmemora o Día da Constitución fóra da súa sede, coa intención de facer partícipe a todas as persoas desta importante festa. Algo que pretenden continuar levando esta celebración a todas as cidades e vilas de Galicia.

Este ano escolleron o museo MARCO de Vigo, por ser un espazo dedicado á cultura e que reflicta á perfección a evolución da sociedade.