Estás en:Novas

Cultura da Deputación colabora co Cluster Audiovisual Galego no proxecto I+P Incuba

A deputada de Cultura, Natividad González, firmou un convenio co Clúster para o cofinanciamento do programa cun investimento de 30.000€

"O audiovisual galego vive un momento de gran esplendor. Hai talento, creatividade e emprendemento, e para nós é unha prioridade o acompañamento e apoio a este sector tan relevante para o país" apunta a deputada

Cultura da Deputación colabora co Cluster Audiovisual Galego no proxecto I+P Incuba

A Deputación da Coruña firmou un convenio de colaboración co Clúster Audiovisual Galego para o cofinanciamento do proxecto I+P Incuba. A deputada de cultura, Natividad González, foi a encargada de asinar o acordo, que inclúe un investimento de 30.000€ neste programa de incubación e mellora de proxectos audiovisuais en fase de desenvolvemento.

Apoio ao audiovisual galego

"Dende a área de cultura apostamos polo audiovisual galego como elemento clave na promoción da nosa cultura e historia, e tamén como xerador de emprego e riqueza" sinala a deputada. "O noso audiovisual vive, ademais, un momento de gran esplendor, con proxectos e profesionais de altísimo nivel. Hai talento, creatividade e emprendemento, e para esta institución é unha prioridade o acompañamento e apoio a este sector tan relevante para o país".

O Cluster Audiovisual Galego reúne a empresas tractoras da industria de contidos dixitais e audiovisuais en Galicia que participan en todos os procesos da cadea de valor da produción audiovisual. A súa actividade baséase na colaboración entre os axentes do sector para xerar valor engadido e así levar a cabo proxectos que convertan a Galicia nun referente da industria audiovisual.

Incubadora de proxectos audiovisuais

Un deses proxectos é I+P INCUBA, cofinanciado pola Deputación. Trátase dun programa de incubación e plataforma de pitching onde participan profesionais e empresas que superen previamente un proceso de selección, e que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultoría.